30 Xan Eu nacín nun País que ulía a vida
Fernando Lacaci
Eu nacín nun País que ulía a vida, a xente, a herba; a suor de traballo, a cociñados eternos e sobrepostos; ulía a calma, calor e friaxe, a madeira. Canto ulía a madeira o meu Pais de neno!!, . Daquela os recendos, tamén os cheiros, tiñan un nome e unha referencia, coma tiñan nome as terras, as familias, as festas e as dores, todo se nomeaba porque todo existía.
Cando eu nacín a realidade abríase aínda todos os días diante de nós, coa dureza do indiscutíbel e a vaguidade de efémero, coa harmonía do que se fai perfecto e se consume na súa propia existencia.
Eu nacín na luz, na cor, no ar e na mirada dun lugar que era aínda de seu –aínda que xa pouco lle quedaba para perderse, ou quizais eu non era quen de ver o que xa se perdera- e que levaba nesa identidade a comprensión da súa existencia, o coñecemento da súa evolución, a seguridade da súa historia.
Eu nacín na Galiza de cando a xente toda que era e fora aínda estaba connosco de acotío, nacín cando ninguén morrera e todas acompañaban, nacín cando sabiamos que viñamos a este mundo coa carga lene das que foran antes, e coa obriga agarimosa de as levar con orgullo e aprendizaxe, até nos sumar nós mesmas a esa compaña eterna.
Mais pronto a vida levouse de gaña ese xeito de vivila, logo apareceron as ideas que matan aos mortos, que rouban as realidades, que poñen nome de diñeiro á cultura e ás xentes. Esa vida negra levou os ulidos e as cores de moitos lugares do meu País, levounos para sempre, estragounos, desprezounos, e non trouxo nada en troques, nada que servira.
Hoxe sei que se pode medrar nun mundo novo que traia canda el ao mundo vello, coma sempre fixemos; que é posíbel continuar na cadea eterna sendo nela tan só un pequeno elo imprescindíbel; que existe un xeito de recuperar a vida que nos manteña para sempre no ar dos nosos lugares e xentes.
Por iso, cando falte non me apartedes, levádeme convosco, ao voso carón, como parte do recendo da mañá, xunto ás árbores e os campos, xunto as augas todas, xunto as persoas que rin e as que senten; cando falte sumádeme a todas as que faltaron, para ser tamén para sempre parte do lugar que me pariu e me viviu, para devolverlle o que fun a quen me deu. A este País, a esta xente.