A falta de transporte público segue desangrando as zonas máis rurais da provincia

A falta de transporte público segue desangrando as zonas máis rurais da provincia

A Federación de Anpas da provincia de Lugo, Fapacel, apremou á Xunta de Galicia a manter un encontro para tratar de resolver o problema do transporte escolar e do transporte público no medio rural. A presidenta de Fapacel, Isabel Calvete, lembrou que hai 15 días solicitaron unha reunión á Xunta para falar do transporte na zona rural, principalmente “polos problemas para o alumnado de bacharelato e de Formación Profesional”.

“Está a producirse unha discriminación do alumnado do rural, e mandar fóra a nenos e nenas de 16 anos implica un desarraigamento total da súa contorna”, protestou. Calvete sostivo que “os problemas estruturais do transporte escolar ou público que pode utilizar este alumnado de secundaria e FP afectan a toda a provincia” de Lugo, sendo “máis evidente na montaña pola dispersión, pola orografía e polo baixo número de habitantes”.

Así mesmo, incidiu en que isto non só menoscaba ao transporte escolar senón “a calquera transporte porque non se conta tampouco con transporte público”. “A situación ideal sería que para o estudiantado fose un transporte gratuíto pero nin sequera temos a posibilidade dese transporte público aínda que se teña que pagar”, censurou

“Non hai unhas infraestruturas de transportes que se adapte aos horarios deste alumnado”, concluíu para clamar por servizos para o rural galego dado que problemas como este fai que moita xente abandone esta contorna, subliña.