Obxectivos do Concurso
Convocamos o IV CONCURSO AUDIVISUAL “ANPAS GALEGAS-SOMOS RURAL” coa intención de seguir contribuíndo a que os centros escolares e ANPAS mostredes toda a riqueza que ten o noso rural e sigamos poñéndoo en valor entre todas e sobre todo entre o alumnado galego.
O eixo central do CONCURSO será a realización dun vídeo de entre 1 e 3 minutos de duración (de 60 a 180 seg.), que se entregará acompañado dun mínimo de 8 e un máximo de 10 fotografías de temática relacionada, así coma dun cartel publicitario e unha memoria explicativa. (En adiante referímonos a estas obras requiridas como o “PROXECTO”).
O PROXECTO versará sobre calquera aspecto do patrimonio material ou inmaterial rural galego que a equipa participante desexe valorar, preservar e difundir. Non é intención deste concurso converterse nunha plataforma de denuncia das necesidades ou abandonos aos que sabemos que está exposto o rural galego. Máis ben ao contrario, pretendemos PROXECTOS en positivo, que poñan na palestra o que temos que ofrecer e compartir, e aquilo que cómpre redescubrir e poñer en coñecemento da cidadanía galega. Trátase de poñer en valor o noso patrimonio.



