colaboración 02 - A escola no rural e a poesía do garabato_foto_de_isa-7

A escola no rural e a poesía do garabato

Lois Pérez, Mestre, narrador oral e poeta.

A escola no rural que queremos está agardando por nós. Como unha illa ao lonxe. Queremos a súa plena democratización, a que se insire nas mellores correntes de pensamento da renovación pedagóxica. A estrada do mar e a da montaña. Esa que outras e outros percorreron antes cá nós. Desexamos e precisamos a súa forza emancipadora. A escola que queremos, tamén no rural, debe ser un hábitat protexido, que precisa de cada unha de nós. Será a loita contra a construción do inevitábel, esa fantasía neoliberal onde a escola se prega aos intereses da economía de mercado; alí onde a escola perde a súa función emancipadora en favor da eficacia e a adaptabilidade ao mercado de traballo; alí onde está desregularizada, nun mundo cada vez menos mundo, engulido por un espellismo tecnolóxico duns poucos, un lugar máisempobrecido e desigual, desprovisto de alma.

É unha outra, a escola rural que queremos. Unha escola da contorna, onde o alumnado respira polos regueiros da memoria dos seus maiores, as voces da súa tribo e onde o profesorado ten a conciencia da clase traballadora.  Unha escola rural onde aínda non é demasiado tarde. Onde aínda pode ser. Onde aínda debe ser pois a vida no rural constitúe tamén un dos trazos que define a nosa sociedade. A escola rural que queremos é un reduto de esperanza e rebeldía. É a poesía do garabato.

Unha illa ao lonxe da que xa vemos as súas formas. Un hábitat protexido onde imperen a lóxica do asombro e a utopía, o humanismo e a diversidade. A escola rural que queremos é un hábitat protexido de afectos e relacións, onde existe a necesidade de saber, o soño da marabilla. Unha escola permeábel, tolerante coa diferenza, un lugar de convivencia, de encontro e de cultura de paz. A construción do coñecemento compartido, a aventura de entender e de pensar. Vivimos tempos de emerxencia: emerxencia social, emerxencia feminista, emerxencia ecolóxica, emerxencia cultural, emerxencia da nosa lingua. Un país en emerxencia tamén. A escola rural (e tamén a urbana!) que queremos debe ser unha escola de resistencia; resistencia consciente e conciencia transformadora.

A escola rural que queremos debe contribuír ao coñecemento do mundo e do seu entendemento por parte das crianzas, para transformalo o día de mañá. A escola que queremos é unha escola democrática e emancipadora, e só se pode inscribir nunha loita contra a peor cara do capitalismo.

Marcha á escola, ti, meniña, que non tes pan, e devora os libros. Ti has ser quen dirixas.

Bertolt Brecht

Pode que hoxe estea afundida/pero eu son alguén!/pode que me consideres o máis baixo da terra/pero eu son alguén!/Cada día sinto a perda e a dor no máis fondo/pero eu son alguén!/Porque ao final verei a luz e a liberdade/ eu son alguén!

Joanne Little