colaboración 03 - TERRA

Terra

Luz Darriba (Lugo, 2021).

Meu pai, cando eu era pequena e atendía con asombro e ledicia cada palabra e cada xesto seus, aprendeume os nomes das constelacións e o porque de chamalas así. Aprendeume, coas follas estendidas na súas grandes mans de obreiro a distinguir unhas das outras, a saber a que árbores pertencían.

Ensinoume a diferenciar as herbas medicinais, as que podían usarse para remediar doenzas, das outras, das que eran só herbas.

Meu pai sabía cando ía chover, e tiña unha chea de nomes cos que agasallaba á choiva.

Faloume dos paxaros, e debuxou para min os que non podiamos ver naquela cidade grande dun pequeno país ao sur do Sur. Murmuroume ao ouvido centos de historias sobre insectos e deume razóns para respectar os animais.

Meu pai coñecía as sementes, e a época do ano en que había que plantalas. E até sabía cando ía soprar o bravo Pampero, que ao parecer llo indicaba algunha parte do seu corpo, magoado naquela horríbel guerra da outra beira do océano.

Reveloume, na súa curta vida, milleiros de cousas. Contoume como a larva se converte en bolboreta. E como unhas bolboretas atravesaban os mares, dun lado a outro da Terra, tan leves e vulnerábeis. Tamén me dixo que algúns paxaros migraban, colectivamente, como as bandadas dos seus paisanos e paisanas que cruzaban os mares coa mesma indefensión que as bolboretas.

Meu pai aprendera de neno a amar a terra. A terra que nos dá o alimento, que rexistra as nosas pegadas, que nos acolle na derradeira viaxe. Meu pai sabía moitas cousas da terra: cousas importantes, cousas transcendentais. E deixoumas de legado, coma seu avó fixo co seu pai e este con el. A sabedoría da terra aprendida a rentes do chan na aldea de Lugo onde naceran. A sabedoría que me transmitiu nas noites estreladas, de Cruz do Sur e As Tres Marías, ou nos días soleados, luminosos, gorecidos baixo o ceo, sempre azul, da miña amada Montevideo.