Non te equivoques…

Paula Carballeira

Non te equivoques…
A poesía non está só na rima.
Hai poesía
No mar onde comezas a viaxe
No almorzo, entre o pan e o chocolate
No arrecendo a leña do inverno
No caer maino da xeada, da neve
No vento

A poesía pon lentes de sol nas mañás do verán
Sabe a café e a empanada
A poesía lembra o brillo das estrelas sobre as montañas
Mais tamén as curvas desas estradas
Polas que abandonas os motores
E corres
Soñando ser paxaro
Sen niño
Pega que volve ao campo
Río

A poesía non está só nos versos
Nin nas palabras
Hai máis poesía na tinta que escribe o camiño das luras
Ou nos carreiros que cruzan as leiras

A poesía anda solta
Poderías non cruzarte nunca con ela
Pero sempre alguén te leva ao seu encontro
Cun sorriso
Porque sabe
Que a poesía vai saltarche á cabeza
Coa percusión dunha melodía
O ataque dun enxame de imaxes
E quererás agarrala
                                                    
Pechala
Nun poema

Pero…
Non te equivoques…
A poesía é libre
Tan libre
Coma ti
Lembra