O CRA Ponte da Pedra é un colexio rural formado por sete escolas distribuídas por diferentes parroquias do Concello de Carballo (Artes, Cances, Mirón, Rega, Sísamo, Verdillo e Xoane). O centro conta cunha matrícula de 109 alumnos/as distribuídos/as por 9 aulas de diversa tipoloxía: aulas mixtas de educación infantil, aulas mixtas de educación primaria (primeiro ciclo) e aulas mixtas de educación infantil e primaria.
As escolas do CRA teñen un número reducido e heteroxéneo de alumnado por aula, o que permite unha educación máis focalizada no individuo e un sentimento de pertenza moi interiorizado. Algo que valoramos moitas familias da ANPA A Carballeira é o feito de ver medrar ás nosas crianzas dentro dun grupo que semella unha pequena familia, compartindo aprendizaxes e valores, rodeados sempre da natureza.
A baixa natalidade e vivir en zonas alonxadas de núcleos urbanos potencia que este tipo de centros educativos tendan a desaparecer, algo que procuramos evitar desde a nosa ANPA participando en todo tipo de proxectos. A elección da temática é motivada pola importancia que teñen as mulleres no mundo rural, poñendo o foco nas avoas e bisavoas, fontes de sabedoría e figuras imprescindibles na infancia.
