O C.R.A. de Teo é un colexio rural agrupado, situado no concello de Teo, limítrofe con Santiago de Compostela que se compón de 7 escolas, en 5 delas se imparte o 2º ciclo de Ed. Infantil e o 1º ciclo de Ed. Primaria, polo que os nosos agrupamentos son mixtos, aspecto moi enriquecedor para as crianzas. Nas outras dúas escolas ubícase a sede onde está a dirección do centro e sala de profesores e na outra escola a biblioteca “ Lucho do peto “ (adicado a Avelino Pousa Antelo escritor que residía no concello de Teo). No noso centro comparten experiencias e aprendizaxes 85 crianzas coa grandísima sorte de estar nunha contorna rural moi rica en patrimonio, bañada polo río Ulla, con petroglifos, muiños,… e moita historia e gran tradicións que se conservan como “O Entroido dos Xenerais do Ulla” e da que podemos disfrutar e aprender de maneira significativa. Por iso xa durante os 2 cursos pasados traballamos un proxecto de centro “Entorno ao noso entorno “ xunto con outros centros de España (programa do Ministerio de Educación) no que apredimos e puxemos en valor o noso patrimonio material e este curso non podíamos perder a oportunidade de afondar no noso patrimonio inmaterial da man dos nosos maiores, concretamente as nosas avoas, fonte de riqueza das nosas tradicións, tarefas e costumes. Desde o equipo docente vimos esta actividade como unha oportunidade de intercambio interxeneracional e de aprendizaxe das nosas raíces.