O CPI Plurilingüe Virxe da Cela é un centro de titularidade pública onde se ofertan clases de EI, EP e ESO (150 alumnos/as e 30 docentes) situado no Concello de Monfero (provincia de A Coruña). Nesta comarca do rural galego, cun contexto socio- económico xeral medio (sendo a fonte de ingresos maioritaria o sector agrícola-gandeiro), a estrutura poboacional é dispersa e afronta as problemáticas propias do rural galego: avellentamento e perda de poboación e abandono progresivo das formas de vida tradicionais do rural. Neste contexto o colexio constitúe un elemento fundamental para o desenvolvemento social e a igualdade de oportunidades, converténdose as actividades escolares nun dos eixos vertebrais das relacións comunitarias.
O noso centro leva anos apostando pola necesidade dun desenvolvemento endóxeno sostible para reinventar o rural galego dende o respecto e valoración do medio natural, da identidade cultural e do aproveitamento dos recursos e dos avances tecnolóxicos. Destacamos a nosa riqueza no eido do patrimonio natural, xa que o CPI Virxe da Cela está situado no ámbito de actuación das Fragas do Eume, importante recurso educativo, así como do patrimonio monumental e etnográfico, que configuran de forma salientable a identidade da comarca.