Con esta peza audiovisual queremos poñer en valor o toque de campás, recentemente nomeado patrimonio da humanidade, e, en concreto, das Campás de Bastavales, en Brión, reflectidas no poemario Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, como patrimonio inmaterial de gran riqueza.
O toque de campás manual, aínda vivo en Galicia, é un medio de comunicación: contan festas, funerais, nacementos, incendios… Esta tradición foi amplamente mencionada nas obras literarias de grandes poetas.
No noso vídeo Latexos buscamos reflectir a importancia e o valor do intanxible, como é o singular son das campás do rural galego, máis concretamente, das campás de Bastavales. Mentres esta tradición se manteña viva, as xeracións presentes e futuras, poderemos e poderán desfrutar dunha tradición secular que chegou ate os nosos días e esperamos que continúe.