Novamente temos o pracer de anunciar que temos un proxecto gañador para a II edición do Concurso ANPAS Galegas – Somos Rural.
Nada mellor que a propia acta do xurado para indicar cal foi a razón pola que este proxecto destacou un pouco por diante do resto dos excelentes proxectos presentados:
Á parte da habilidade técnica das fotos, vídeo e cartaz presentados, o xurado valora especialmente a comprensión demostrada da finalidade do concurso, ao abrir a percepción do rural galego a contornas que mesmo, nunha mirada simple, poderían cualificarse como urbanas.
A participación de alumnado urbano que valore “a necesidade de ruralizar a cidade”, tal e como expoñen na memoria que achegan ao seu proxecto, é exactamente a mirada que neste momento hai que deitar sobre a vida rural galega: un espazo que non so temos que conservar senón mesmo aproveitar como demostración do futuro desexábel, e obxectivo fundamental dun modelo educativo diferente, sustentábel e acolledor.
Grazas a todas as que tomastes a decisión de presentarvos, mesmo a aquelas que por diversas circunstancias non chegastes que finalizar o proxecto. Todas vós sodes exemplo vivo de un país que avanza no aprezo e no afianzamento da nosa realidade cultural e social. Somos rural porque esa é a nosa esencia e o noso futuro, non o somos por oposición a nada, sómolo por amor á terra e á historia. Esteamos onde esteamos.