Este proxecto pretende pór en valor a importancia das persoas que viviron o pasado no rural. Un pasado creador e modulador deste presente ó que hoxe en día nos enfrontamos. Así pois a acción emerxe no CEIP EDUARDO CELA VILA, situado nun pequeno alto nas saias do Monte Oribio, en Triacastela.
Neste municipio da Montaña Lucense a vida pasa máis amodo, transcorrendo ó son do piar dos paxaros, do muar das vacas e do correr do vento. As conversas xiran arredor dos partos naturais do gando, do temporal de neve que cinguiu de branco o noso concello, dos peregrinos que día tras día amosan o seu abraio ó contemplar os encantos da zona… os problemas do mundo exterior non semellan ter cabida no ciclo vital dos habitantes de Triacastela.