As Asociacións de Nais e Pais estamos en todas partes. Somos de feito o modelo asociativo máis amplo e transversal de cantos existen. Estamos onde hai unha escola, e as escolas están -ou deberan- onde hai nenas e nenos. E sempre estamos sachando para o futuro, para ese mundo no que as nosas fillas e fillos han vivir cando medren, cando sexan xente adulta que teña fillas e fillos polas que sacharen.
É certo que as ANPA traballamos no presente, no cotián, no problema que existe en cadanseu momento. Pero equivócase quen pense que traballamos na circunstancia; máis ben utilizamos a circunstancia para mudar o futuro, traballamos nos problemas que vivimos para non volver a vivilos; non só nós mesmas, tamén para que as nenas e nenos que veñan detrás das nosas propias non repitan as eivas nin soporten os erros do pasado.
Tamén por iso facémonos grandes, porque hai problemas dun lugar, problemas dunha contorna, e problemas dun País; neses últimos estamos na Confederación ANPAS GALEGAS, no que nos atinxe a todas, esteamos onde esteamos, para ver de resolvelo para todas, para tentar avanzar na modernidade e nas oportunidades.
E de aí explícase a nosa defensa fonda do rural galego, porque o primeiro que temos que conservar, reformar e mellorar é o propio lugar onde estamos, o País no que vivimos, o espazo e as xentes que nos acompañan, os costumes que nos definen e interpretan e as riquezas que sempre nos acubillaron, e deben, porque poden, continuar facéndoo.
O rural non é espazo fosilizado ao que acudir a gozar ou a reivindicar, o rural é unha certeza económica, laboral, comunitaria, viva e presente. Nós queremos que ese rural actual e dinámico que defendemos sexa unha realidade que se impoña por riba das erróneas tendencias á urbanización permanente, que demostre que hai outra vida alén dos centros comerciais e o asfalto, pero para facelo ten que achegar á súa xente, a nós, tódalas opcións, tódalas posibilidades. Ten que ser certo para calquera nena ou neno, para calquera das nosas fillas e fillos, que alí poida atopar todo o que necesite para construír unha vida chea.
Aquí e agora, apoiamos ao rural con escritos e imaxes, porque a Arte é unha expresión de amor polo que somos e vivimos; pero cada unha destas obras é tamén un chanzo que subimos para albiscar un futuro mellor para o Rural Galego, o noso pasado e o noso futuro.
Confederación ANPAS GALEGAS somos as Federacións de ANPA de:
Cangas do Morrazo, Comarcas Condado-Paradanta e Louriña, Federación Galega “Compostela”, Provincial da Coruña “Costa da Morte”, FerrolTerra, Provincial de Lugo, Val Miñor e Vigo.