30 Mar O Noso Rural
Mero
Levan moitos anos mirando para outro lado, aqueles, os que mandan e mandaron.
Deixándonos perdidos en nós mesmos, neste labor de pisar a terra que eles ignoran
que rexeitan, terra do alimento que eles non valoran, a da semente da humanidade,
do sentimento feliz que pousa tamén nos ollos e torna, tras da porta do poxigo,
mil recendos adobiados de silencios e unha esperanza que nunca dá chegado,
para acender os ollos dos nosos fillos e netos, cal fixeron tamén os devanceiros.Levan moitos anos mirando para outro lado, aqueles, os que mandan e mandaron.
Esta é a terra que dá o froito necesario para acabar coa fame, para abondar traballo
e construír porvir, entre todos, nunha causa común de chegar moi lonxe e irmos xuntos.
Pero non, non nos deixan seguir sendo quen somos, veñen a nós e miran, mírannos,
coma se foramos estranxeiros, estraños de nós, e en nós, esquecidos neste fado de miserias.
Pedímoslles permiso para todo, tan desposuídos estamos que temos a ollada perdida
en amarguras e soidades. Pero aínda soñamos.Levan moitos anos mirando para outro lado, aqueles, os que mandan e mandaron.
E, eles non nos entenden, quérennos tratar con ansiolíticos, con antídotos de afagos,
pastillas adormecedoras dun mal que corta o alento, no mesmo celme, no entusiasmo
de calar, domeados, de erguer de novo no pesadelo de non durmir no propio leito,
sen días nin noites, deixándonos caídos no amargo desterro que nos vén baleirando
na soidade, no silencio, desde hai tempo.A soidade -non querida- é un mal que se volve teimoso e aniña na alma con prantos,
alí onde as lembranzas soñan ou máis a dentro, no máis fondo das entrañas,
onde se fan crónicas e máis nos mancan, volvendo atrás nas lembranzas e nos acordos.
Levan moitos anos mirando para outro lado, aqueles, os que mandan e mandaron.
Levan séculos afundíndonos ese coitelo pertinaz do abuso que nos desangra
con ese fío afiado que nos deixa perdidos no abandono, sen que ninguén nos mire
sen que se nos vexa nin nos entendan, tratándonos coa ameaza dos placebos,
sen mirar sequera a causa que motiva esta ferida, sen curar a aflición desta indefensión
este desamparo na fuxida neglixente do noso ser, no descoido deste herdo baleiro
ruín, que nos deixa mudos, poñendo por riba da terra e da herba a moqueta
que inventaron para tapar e taparnos, para esconder este mundo feliz
e borrar dos nosos ollos a beleza, ocultando as cores do prado baixo un tapiz falso,
de moita chamada en espectáculo, pero baleira de contidos.Levan moitos anos mirando para outro lado, aqueles, os que mandan e mandaron.
Quéreno facer, pobres incautos, con pastillas que aprazan a dor de aló dos ollos,
sen saber que o mal está no mesmo sitio onde a dor nace, no noso corpo
nesa dor compartida de amor á Casa, xunto onde naceu a vida, a natureza,
pero que tan só conseguen adiar o sufrimento, escurecer as sombras dun mal
que leva séculos xa feito e, aínda así, priorizan as economías que nos matan.
Quérennos levar sempre, nesta enorme morte silandeira ao desgarro deshabitado,
ao inerme ermo do silencio, ao desleixo e a miseria, afondando a escravitude de non ser,
de non sermos, de non ser pobo e xente, de non estar, de non ser Matria nin Patria.
Á burla e o desprezo, á indolencia total no abismo máis absoluto de nin sequera querernos,
precisamente aquí, nesta xenerosa Terra de afectos, neste enorme baleiroque ocultan
detrás das portas dun poxigo vello, aquelas que, tras das silvas do abandono, non dá tapado o tempo!Levan moitos anos mirando para outro lado, aqueles, os que mandan e mandaron.