30 Mar O Cucacho
Javier González
Ninguén sabía, naquela aldea de invernos crus, como chegara alí, nin sequera podían precisar o tempo que levaba entre eles. Tampouco recordaban por que lle puxeran “O Cucacho”. Era un home alto, embutido nun vello abrigo. Durmía nunha palleira cando os rigores invernais facían acto de presenza e xunto a un arroio manso debaixo dun castiñeiro, nas apracibles noites estivais.
Non posuía nada, de non ser aquel papel pequeno e engurrado que nunca amosou a ninguén pero do cal todos eran sabedores. Por veces, podía pasar horas mirándoo, sentado en calquera recuncho, silandeiro; outras, parolaba con el ou lle cantaba melodías tan doces, que aqueles que tiveron a sorte de as escoitar afirmaban quedar enfeitizados co son hipnótico que xurdía da súa voz. Alternaba o choro sen dó co riso máis escandaloso que se podía ouvir; mesmo certos testemuños aseguraban velo bailar a ritmo de valse con aquel anaco de papel entre as súas mans.
Vivía da comida que a xente lle deixaba sen el pedila. ”O Cucacho” parecía pasar inadvertido, mais, se por calquera razón un día non fora visto, facíase un baleiro, non por preocupación, senón por orfandade. Era parte cohesionadora e asemade curadora do decorrer existencial das persoas que o rodeaban. Cando calquera noite, entre cuncas de viño e netos de augardente, alguén comentaba que volvía estar, todos sentían un alivio balsámico e unha estraña mestura de pracer e incerteza. A súa presenza era invisible pero tan necesaria, que nada foi igual naquel pequeno lugar desde a súa chegada. As mulleres, no lavadoiro, falaban del; os homes, nas cantinas, a medida que o viño parido naquelas duras terras ía facéndose dono da noite e das cabezas, pensaban en cal sería a súa anterior vida. En ocasións berrábanlle “Cucacho, ven probar o viño do Antón!”, pero el nunca contestaba…
Pasaron catro días sen velo, nunca adoitaba desaparecer. Aquela pequena sociedade xa non sabía vivir sen “O Cucacho”. A súa presenza cambiáraos: uns querían oír aquelas cancións nunca oídas; outros desexaban ser parte do desconsolo que crebaba a alma; para todos eles aquilo que non sabían de que maneira chamar era indispensable…
Aquela noite era desapracible, de abondosa choiva, vento e treboada. Na cantina todo era silencio, non temían o mal tempo nin aqueles lóstregos enviados polo mesmo demo. Todo estaba baleiro e triste, “O Cucacho” fórase.
De súpeto abriuse a porta. Ao principio todos pensaron que aquel vento tolo fose o culpable, pero a luz dun lóstrego deixou ver unha figura enmarcada na porta, era “O Cucacho”. Non se ouviu un ruído excepto a súa firme voz que dicía “Antón ponme un neto de augardente”. Sentou nunha mesa. O silencio ulía a expectación. Comezou a beber da botella ampliando os grolos a cada intre. Pousou o vaso na mesa e exclamou “Observeivos, escoiteivos, sei que desde o primeiro día todos queriades saber a razón dos meus bailes, cancións, choros…, non podiades comprender por que un home sen nada podía sentirse alegre, atormentado ou simplemente pensativo…Pero fixen sentirvos vivos”. A man foi ao peto do seu abrigo e sacou o segredo gardado, tirouno ao medio do chan de madeira un pequeno papel sucio e estragado. Os ollos do lugar apresuráronse a ver o que tanto desexaran. Collérono e observaron con sorpresa que era un simple papel en branco, nada máis.
“Aí o tedes. Nese cacho de papel non hai nada e está todo. Áchase a paixón máis enlouquecida, a tristura máis profunda que un home poda sentir, a ledicia toda do mundo. Non se ve cos ollos, para atopala hai que deixar que flúa o regueiro de sentimentos que levamos dentro e adoitamos pechar, e entón calquera cousa será todo e nada .Todo cando un desexe que sexa todo e nada cando a nada o sexa todo. Mirádeo ,pero facédeo soamente para sentirvos humanos plenos e vivos”. Dun último grolo apurou o vaso, ergueu e marchou sen dicir unha verba. A escuridade tragouno coma o que sempre foi, unha pantasma. Endexamais o volveron ver. Non era necesario, descubriran o importante da súa presenza esa noite: outorgáralles o pracer de sentir. O “Cucacho” desapareceu e con el desapareceron os crus invernos.