30 Mar Mazaricos
Mª Carmen Rey Núñez
Mazaricos, ti quen es?
Pregúntame o forasteiro.
Son mansa e froitosa terra
que se oculta tras do Aro,
esculcada pola Ruña,
bendicida polo Xallas.
Teño vistas que namoran
teño o ben querer do ar,
teño un teitume de estrelas
teño mil glorias que dar.
Mazaricos, ti quen es?
Quer saber un camiñante.
Sonche fermosa chancela
por carballos traspasada,
cuberta de fina herba,
mantenza para ao gando.
No meu ventre eu acubillo
xente de amor dotada,
valentes mozos e mozas,
anciás de sabenza e calma.
Mazaricos, ti quen es?
Preguntoume un andarego.
Meu nome é de paxaro,
mais voar nunca voei.
Fixérono as miñas xentes
para tornaren de seu.
O mundo virouse bravo
cando de min se afastaron,
degoiraban o aloumiño
ca súa terra lles daba.
Mazaricos, ti quen es?
Que eu de ti, nada saber.
Son o pan e son a auga
son solpor e amencer,
son destemido pasado
futuro sempre serei.
Mazaricos, ti quen es?
Mazaricos, sonche eu