30 Mar DENDE A ESCOLA RURAL
XOAN CARLOS DOMÍNGUEZ ALBERTE
Cando empecei a ir á escola aínda lle quedaba polo menos un lustro de mala morte ao período franquista. Logo, ao pouco de principiar a chamada democracia, deron en pechar as unitarias e tivemos que ir xa ao grupo escolar.
Entón moita da rapazada coma min rural axudaba a cotío nos labores domésticos da terra. Así ir co gando era unha tarefa da que eu gustaba ben de facer.
Naqueles tempos en que todo o val de Ramirás era unha vizosa agra na que a abundancia de auga determinaba que predominase o milleiral, vacas, touras e becerras orneaban en recua para que ao vires da escola as levasemos pacer ou abeberar.
Na miña familia, de cando en cando, ouvíaselle aos da xeración das avoas e dos avós: “Ai, querido, aprende moito, para poderes traballar ao colleito e non ter que facer coma nós”.
Fose polo que for, e mellor ou peor, o caso foi que, co transcorrer do tempo, acabei por ter ben en conta aquela sentenza. E tal foi así que, cun pé dentro e o outro fóra da escola, mesmo tentas decote aplicar aquel maxisterio de vida. E, xa no presente, levar ás aulas, aos transformados pupitres do rural, o mellor daquela inmensa sabedoría.
Mais acontece que agora son ben outras as circunstancias. Porque xa non hai aquí recuas, de rapazas e rapaces, nin moito menos orneos imperiosos de necesidade que chamen por un.
Por iso que, nestes tempos, cómpre interpretarmos doutro xeito o sentido daquela vella expresión. Que non pode ser outro que desermar os antigos eidos de labor e cultivar, con xeito, a inmensa riqueza que atesoura esta terra. E aí a escola debe servir de fértil instrumento e aplicada lección.