30 Mar As feiras de antes e as carballeiras das feiras
Antonio Rigueiro Rodríguez
A min sempre me gustaron as feiras, quizás porque cando me criei no Val do Mao, no concello de O Incio, preto do corazón das montañas do nacente da provincia de Lugo, os días de lecer poucos máis eran que a feira dos días 22 de cada mes e as festas da parroquia ou de parroquias veciñas nas que residía algún familiar. E lembro con especial cariño a feira do 22 de maio, porque nela saboreaba as primeiras cereixas que anunciaban que o verán, cos seus duros traballos -gadañar e recoller a herba seca, a seitura, as mallas- xa estaba cerca…as feiras de antes eran moi distintas das poucas que quedan agora.
Imos facer un exercicio de regresión, de volta ao pasado…pechade os ollos e abrídeos a mediados do pasado século…e no Incio…nesas calendas a paisaxe era moi distinta da actual, sendo os cultivos máis frecuentes o centeo, algo de trigo, moitas patacas, millo, nabos, legumes, froitas e pastos. O cultivo do liño, importante no pasado, xa decaera. Abundan as carballeiras e os soutos, aínda non hai piñeiros nin eucaliptos…a lonxitude mídese en varas, a superficie en ferrados e fanegas e a capacidade en cuartillos, ferrados e canados…
É día de feira. Unha parella e un rapaz soben de Vilameá cara Toldaos. Ela, con saia longa que lle tapa os zapatos desgastados polo moito uso, leva sobre a cabeza unha rodela sobre a que descansa un cesto de varas de salgueiro no que carrexa ovos, mel, unha parella de capóns e outra de coellos. O home, con traxe de pana, camisa branca, boina e zocos, suxeita coas trelas un becerro, acompañado de súa nai, a Morita, para que non turre moito e sexa máis doado de levar. O rapaz, vestido coma o pai, anque con remendos nos xeonllos, camiña atrás, afalando a vaca e o becerro cunha aguillada de abeleira. A min lémbrame ao Balbino de Neira Vilas nas Memorias dun Neno Labrego, fermosa obra coa que moitos rapaces galegos aprendemos a coñecer, amar e soñar a nosa terra. A Morita camiña triste…xa fixo outras veces a mesma viaxe…sabe que á volta irá soa…
É o mes de xuño, pola mañá cedo. A néboa abraza os cumios da Serra do Édramo, aínda sen piñeiros e sen as antenas que, como se foran cornos, loce na actualidade. O centeo e o trigo están medrados. A herba dos prados, xa alta, pronto será herba seca. Os castiñeiros amosan a candea. As cereixas xa comezan a colorear…
-Dame mágoa vender o becerro, di Mercedes…é tan feito e tan bo…
-Se fora becerra botabámola fóra…criabámola…di o home…
A media mañá quenta o sol. Ao lonxe a serra amósase xa sen néboa. Zumban os tabáns arredor da Morita e do seu xato. Unha brisa suave peitea as leiras de centeo ás que o sol saca un brillo verde-amarelado…por san Xoán mórrelle a primeira raíz ao pan…o camiño faise longo. Súan. O po da corredoira vainos tinguindo de branco. O rapaz vai canso. Xa falta pouco…
Hai boa feira…o xato é ben feito…un becerreiro fíxase nel…non hai trato, anque a diferencia non é moita…median os da casa de Carballo…¡partide a diferencia!…segue a ser moito di o comprador…pois ou é así ou non hai trato, aínda que teña que levalo de volta para a casa, di o vendedor…pois si que hai trato…o vendedor garda os cartos no peto…os becerros son a macroeconomía doméstica…o tratante marca o becerro cortándolle o pelo coas tesoiras facendo o seu sinal e lévao cara o coche da empresa Montaña, persoas adiante e animais atrás.
Mercedes tamén tivo sorte e vendeu axiña os produtos que levaba no cesto…é a microeconomía doméstica…e destina parte dos cartos a mercar unha cazola de barro, teas para facer unha camisa e unha saia aos avós e unhas cereixas porque llas pide o rapaz.
Ao lonxe escóitase un violín…a música vaise achegando acompañada dun canto de muller…é a Cega de Callás, di alguén…entoa os cantares de cego, coplas ou historias de desgracias e amoríos, pide a vontade e vende as historias feitas versos impresas en papel…o rapaz pídelle a nai que lle merque algunhas para cantalas cos nenos e nenas veciños cando van coas vacas e as ovellas.
Algunha xente aproveita para facer trámites no Concello. Hai quen resolve asuntos cos notarios e avogados que se desprazan ata O Incio desde Lugo e Sarria os días de feira. Nalgúns casos antes de acudir xunto ao notario ou o avogado falan cos peritos, contadores ou entendidos da contorna para que lles fagan as partillas. A feira é tamén un día de intenso traballo para o médico e a farmacia e, ás veces, algún dentista que se despraza co seu instrumental. Ese día consultan tamén, procedentes de diversos lugares, menciñeiros, compostores e adiviños, que atenden doenzas, reais e maxinadas, aconsellan, adiviñan e prognostican o futuro.
E non pode faltar o polbo, o de comer, claro…que co outro cadaquén fía na súa roca e goberna a súa vida…cocido en caldeiro de cobre, con leña de carballo…servido en pratos de madeira de bidueiro…ata fartarse porque foi ben o negocio…e unhas racións na cazola de barro para que os que quedaron na casa tamén participen da feira…o rapaz molla o pan no aceite…
A feira vaise desfacendo…hai que volver para a casa. A Morita bota unha mirada triste ao coche da empresa Montaña e tralos barrotes de ferro unha bágoa esvara pola cara do xato…é a despedida para sempre…ou ata que nos atopemos no ceo…se existe un ceo para os animais non racionais…a verdade é que algúns meréceno…
A xente maior e os nenos foron marchando…queda a xuventude ou parte dela…é o paseo…pola estrada de terra…as rapazas por un lado, os rapaces polo outro…e ao cruzarse miradas, comentarios, cenadas de ollos, sorrisos…flirteo que nalgúns casos pode acabar en algo máis…e despois a bailar ao salón ao son de música de gaita, harmónica, acordeón…
Agora imos facer o contrario do que fixemos antes…unha progresión, un avance no tempo…cerrade os ollos…abrídeos…xa é hoxe…así eran as feiras antes…como son agora non fai falla que volo conte…xa o estades vendo…poucas quedan en pé…nas que quedan pouca xente…sen gando…só o polbo permanece…
No Incio permanecen tamén os vellos carballos que daban sombra ao campo da feira…os que sobreviviron, pois algúns morreron, quizás de pena coa decadencia dos mercados.
O carballo é unha árbore que prestou e presta importantes beneficios aos galegos…podemos dicir que dela se aproveita todo, igual que se soe dicir do gando porcino…antigamente considerábase árbore sagrada, e como reminiscencias deses tempos dos Druidas conservou para os veciños virtudes especiais que non atribuían a outras árbores…como unha función purificadora e de remedio para aliviar males como a raña, queimaduras, lumbago e doenzas contaxiosas. A casca dos exemplares novos é adstrinxente, e os cocementos empregáronse na medicina popular para tratar hemorraxias causadas pola nefrite, fibromas uterinos, leucorreas, blenorraxia, hemorroides, frieiras e outros males. A casca do carballo é rica en taninos, polo que tamén se utilizou nos curtidoiros para curtir peles. As landras foron importante alimento para o gando porcino…no outono sacábanse os animais ás carballeiras e soutos de castiñeiros para que aproveitasen as landras e as castañas ruíns, que tamén se apañaban para dárllelas na corte no inverno. As pólas con follas foron alimento para o gando vacún, ovino e caprino nas épocas nas que non había pasto nos prados ou se deixaban medrar para a herba seca. En moitos lugares as follas que caían no outono recollíanse e utilizábanse para fertilizar os hortos e outras terras de cultivo, directamente ou transformadas en esterco ou compost. A súa leña é de moi boa calidade, con alto poder calorífico, polo que aínda hoxe é frecuente atopar carballos demoucados para utilizar as pólas como biocombustible sólido.
A madeira do carballo é dura, pesada, de grao fino, con aneis de crecemento ben marcados, resistente, durable (incluso mergullada en auga)…unha das madeiras comerciais máis apreciadas…utilizouse, xunto coa de castiñeiro, como madeira estrutural en vivendas do rural e en edificios históricos civís ou relixiosos (pazos, mosteiros, igrexas). Empregouse tamén adoito na construción naval de guerra e pesca (especialmente nos séculos XVII e XVIII, e cítase que se necesitaban 2000 toradas para construír un navío). Segundo a tradición foi unha das madeiras coas que se construíu a bíblica Arca de Noé. Pola súa estabilidade e resistencia ás vibracións, empregouse para facer traveseiros das vías do ferrocarril (cítase un exemplar colosal de Cervantes que deu madeira para 152 travesas). Apréciase actualmente por ebanistas, carpinteiros, torneiros e carreteiros (foi madeira apreciada para facer as chedas e rodas dos carros do país) e tamén para facer doas de pipas e toneis, pois aporta bo sabor ao viño e licores como whisky e coñac.
Pero, se importantes son os beneficios directos que nos achegan os carballos, non o son menos os beneficios indirectos ou servizos: as carballeiras ofrécennos unha fermosa paisaxe, producen sombra fresca, reteñen carbono, contribuíndo a mitigar o efecto invernadoiro, o quecemento global e o cambio climático, conservan e melloran os solos sobre os que medran, contribúen a conservar a biodiversidade… incluso nos buracos do tronco, frecuentes nos exemplares vellos, refúxianse e reprodúcense insectos, morcegos e outros invertebrados, mamíferos e aves, de aí a importancia de conservar árbores vellas e incluso mortas nos bosques.
Pero as carballeiras naturais foron nestas terras e en gran parte de Galicia vítimas do aproveitamento abusivo e de tratamentos culturais desafortunados, e presentan hoxe unha área moi reducida, fragmentada e, en moitos casos, ameazada, e demandan unha atención protectora e restauradora, entre outras razóns, pola súa importancia económica, estética e ecolóxica -fundamentalmente a súa elevada biodiversidade-, constituíndo un patrimonio natural do que nos está permitido gozar pero que non debemos destruír nin estragar, e que estamos obrigados moralmente a transmitir ás xeracións que nos sucederán enriquecido e mellorado, en ningún caso deteriorado de xeito irreversible. Amplos territorios que corresponden ao dominio destas carballeiras dedícanse actualmente a cultivos agrícolas, prados e pradeiras ou matogueiras -piornais, xesteiras, uzais, toxeiras e queirogais ou carrascais- matogueiras que, con frecuencia, son repoboadas con piñeiros e eucaliptos.
O carballo, árbore maxestosa e símbolo de fortaleza polo seu porte e dimensións, pode chegar a ser unha árbore milenaria e converterse en monumento vexetal. En Galicia da sombra aos campos das feiras e circunda algúns famosos santuarios. O Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras inclúe varios carballos monumentais, entre eles algúns de Cabana Vella nos Ancares e o do Pazo de Cartelos, no concello lucense de Carballedo, considerado, pola súa dendrometría, o mellor de Galicia e un dos mellores de España.
As carballeiras son para moitas galegas e moitos galegos do rural algo máis que un conxunto de carballos… forman parte das nosas vidas e están para nós cheas de lembranzas…non só son bosques vivos, son tamén bosques animados…aínda que non habiten nelas o bo bandido Fendetestas, o namorado Giraldo e a fermosa Hermelinda da maxistral obra de Wenceslao Fernández Flórez…porque estes bosques son testemuñas da historia dos nosos pobos…saben de amores e desamores, de ledicias e pesares, de días bos e máis ou menos malos, de sorrisos e lágrimas…víronnos traballar, pasear, bailar, gozar, sufrir…e hai quen conta que algunhas noites sen lúa, cando a espesa néboa esconde as árbores, aproveitando a escuridade e a negrura, as ánimas dos veciños que se foron para sempre saen en procesión polas carballeiras, con candís e fachas de palla, e percorren os bosques, comprobando que seguen en pé e que non falta ningún carballo…
Debemos conservar os nosos bosques en xeral e as carballeiras en particular…e ben sei que non fai falla que volo pida á maior parte das xentes do rural…está no voso ánimo facelo…non podía ser doutro xeito…sei que lles queredes e que as mimades…igual que lle quería o poeta da Terra Chá Xosé Crecente Vega ao carballo da Casa de Luxís, en Castro de Rei, monumento incluído no Catálogo Galego de Árbores e Formacións Senlleiras, ao que dedicou un poema que remata cos seguintes versos que coido veñen ao caso:
Segundo o respectaron vosos pais,
así quero tamén que o respectedes.
Non se lle corte cana endexamais
Nunca esmoucado foi.
Non o esmouquedes
Antonio Rigueiro Rodríguez, Vilameá, Val do Mao, O Incio (27 de xaneiro de 2020)