colaboración 08 - APOLOXÍA DA ALDEA

Apoloxía da aldea

Xurxo Souto.

A aldea está totalmente marxinada. Tanto que o seu propio nome é agora un tabú, palabra prohibida, substituída  por “o rural”.

Na descrición deste país funciona como verdade elemental unha gran mentira: A fronteira absoluta entre o rural e o urbano. Utilízase en todos os contextos. Mesmo para describir os dirixentes do Partido Popular: Os da boina e os do birrete.

Neste tópico a urbe é sempre sinónimo de futuro, de modernidade…de castelán. A aldea de  pasado, de abandono, de galego.

Canta manipulación ! Vigo e A Coruña son a mesma cidade. Entre outras razóns porque a inmensa maioría das persoas que as habitamos procedemos directamente da aldea. Velaí o drama estival desas nenas e nenos –poucos- que “non teñen aldea”.

Na vez de ponderar esa relación, insístese na fronteira. As elites de cada lugar tentan a toda costa manter o seu estatus, chámase localismo. Gran negocio para as construtoras: cando ás familias dos barrios lles foi un pouco ben, na procura do campo -na vez de amañar a casa da avoa- vendéronlles un chalé nunha urbanización.

Mais outra Galiza existe. Cal é a túa aldea ?