Colaboracion 19 - A Pelegrina_muller rural

A Pelegrina

Mª Carmen Rey Núñez

-Hai xente? -Berraba á porta. Era un berrar baixiño, un zunido case mudo, un son concibido para non alterar o asosegamento dos cordos.

-Entra, Manuela, -contestáballe a “Casala”. Ela, sacudía as desgastadas abarcas, máis por respecto que por hixiene, e entraba en fogar alleo. A fame a decepción e a tristura, eran súa adoita compaña. E eu, que daquela era meniña cativa e ficaba namorada do pano da súa saia, obviaba os tormentos polos que a muller estaba a pasar, e espetaba os meus cobizosos ollos en tan degoxada prenda. O negror era a cor definitoria do rural galego. Así morría un parente, o loito facíase amo da vestimenta das mulleres polos séculos dos séculos. Era por iso que eu gozaba vendo a colorida saia da Pelegrina. Que até xuraría que algunha que outra vez, teño visto gulosas bolboretas pousarse para lle chuchar o néctar das enganosas flores.

Manuela, a pelegrina, entraba devagar; semellaba tivéselle medo aos espíritos que, probablemente aniñaran ao abeiro das paredes. Seu mirar era escuro, agochado, fuxidío; raramente se pousaba no interlocutor. Así entraba na casa, buscaba sentadoiro na pedra do lar. Nada pedía. Pillaba un cadullo do illar, e namentres miña nai enxugaba as mans ao mandil e eu a asexaba curiosa pola físgoa da porta, ela entretíñase remexendo as case extinguidas ascuas do lume agardando a que a xenerosidade do próximo abrollara de seu; circunstancia pouco usual nos tempos que corrían. Porén, de cando en vez, topábase con almas sensíbeis e xenerosas. Unha delas era a antedita“Casala”, que tiña a muller o mal vezo de pousar os ollos enriba das desgrazas todas, e nas da Pelegrina tamén. Que enxergándolle a apremante necesidade pola que estaba a pasar, axuntaba o rescoldo do lume para o avivecer, e convidábaa quentarse á caloriña. Deseguido, pillaba un anaco de touciño do que estaba a pendurar da parrumeira, e mentres Manuela loitaba por conter o cuspe que, ante a posibilidade de que o manxar lle estivese destinado, se lle arremuiñaba en col da lingua, e espetáballo nun chuzo e dáballo para que o asase. E cando xa o tiña ben grellado, achegáballe unha rebanda de boroa e unha cunca de viño, e deixábaa que comese tranquila namentres ela facía seus labores. Manuela deglutía devagar; unha porque non tiña moas con que mastigar, e outra porque o seu estómago non estaba afeito a festíns de tal calibre. Namentres comía e a graxa lle escorregaba agarimosa e morna polo pelello da barbadela, dispensáballe un mirar ateigado de benaventuranzas e agradecemento á benfeitora. De ela ter potestade, compensaríaa co mesmísimo ceo. Eran poucos os que lle deixaban atravesar as portas das súas casas sen tentar esmagala entre elas; chamábanlle bruxa, tola e feiticeira. Acusábana de canto malo acontecía no lugar: dende a morte dun porco, ata á infecundidade das vaca, pasando pola sarna das galiñas ou mal parto dunha muller. De todo tiña culpa a Pelegrina. Habíaos que aseveraban tela visto axeonllada cunha candea entre as mans. E que a candea, no canto de arder cara a riba, apuntaba dereita ao chan. Isto, xunto con outros significativos detalles, déralles a seguranza de que a muller era meiga. E nin que dicir hai, que non demoraran en crer ver as sospeitas confirmadas. Aos poucos días de isto ocorrer, falecera Francisca da Regacha, avoa do Regachiño, un dos mozos que tiña como principal diversión perseguir e acurrutar á Pelegrina polos camiños.

Por entre os furacos da derruída casa, a Pelegrina enxergara unha súpeta claridade. E temendo que algo malo puidese estar sucedendo na eira, asomárase ao postigo. E claro que acontecía; os veciños, en vinganza pola morte da Regacha, prendéranlle lume ao palleiro. As acesas caramuxas enchían o ar de toda a aldea! O estrondo do lume devorando o enxoito da palla, era a macabra comparsa á desapiadada conduta humana. Semellaba día do santo Xoán; os gallofos vagaban coma esotéricas sombras derredor dun devastador lume que deixaba á súa dona sen o preciso elemento para se resgardar das friúras do inverno. A palla era seu cobertor, súa manta de abrigo, seu austero xergón no anaquiño de chan no que lle tocara deitar na vida. E agora, nin iso tiña! Chorou, rezou, arrigou cabelos da cabeza, mais nada conseguía acalmala; anhelaba morrer. Anhelábao, máis temíalle á morte case tanto como á vida! Coa alma rachada en faíscas, e sen folgos para enfrontar aos veciños, tentara espantar seus medos cantando. “Que nadie sepa mi sufrir”, abrollou coma ardoroso e imparábel volcán dende o máis fondo do seu ser. Voz, afán e amargor, uníronse nun mesmo aceno para lle confirmar aos difamadores, que a Pelegrina, tal como eles pensaban, amais de ser unha mala meiga, estaba tola! Estaba tola, si. De dor. A desacougante melodía erguía no ar coma paxaro fuxidío na procura de liberdade. As pousadas e amargas notas facíanse ouvir en toda a aldea, e posiblemente noutros afastados lugares da contorna. E como case sempre ocorre; para rexoube duns e tristeza doutros. Pois non todos compartían un mesmo sentir. O señor Bautista, que a vira marchar coa maleta á cabeza sendo case unha nena, observando o trato que arestora lle dispensaban seus outros veciños, choraba de indignación. Choraba, mais nada podía facer por ela, agás non fose rezar para que un mal raio partise aos que se mofaban das particularidades daquela boa muller, que endexamais tivera un mal xesto para ninguén. Mesmo tentaba ser amábel con quen non o era con ela.

De que era bruxa, case todos ficaban seguros. O feito de a enxergaren completamente núa por entre os sabugueiros do rego mentres, créndose soa, agardaba a que corpo e roupa lle enxugasen ao sol, afiuzábaos nesa e noutras ideas. E por se acaso, así a vían vir, facían o “nome do pai” para non caeren nos seus esconxuros.

Antes que pechara a noite, a “Casala” facíalle un atadiño de chicha e boroa, e agocháballa debaixo do mandil; era un segredo a compartir entre as dúas. Á Pelegrina dáballe moita vergonza recadar esmolas. Mais aquela boa veciña, non a facía sentir unha mendicante; tratábaa coma unha irmá que vive lonxe, e á que cómpre aviar para o camiño.

Aló polo ano 1900, e após morrérenlle os pais, Manuela, inducida por Fermín, o que daquela era seu mozo, vendera apeiros, colleita e vacas, e mercara dúas pasaxes para Arxentina; país no que segundo el asegurara, era doado arrombar fortuna. Deixárao todo para marchar na procura do que posiblemente nunca achou. Pois pasado o tempo, e sendo muller entrada en anos, axuntou as poucas pertenzas que aló tiña e subiuse a un enferruxado vapor para tornar ao seu lar, do que tan só quedaban as catro paredes de fóra e un teitume a piques de se derrubar.

Polo visto, recén retornada de América, a muller fixera por vida. Malia o seu baúl non portar grandes caudais, atada ao pescozo, traía unha bulsa repreta de moedas de prata. Segundo calculara: suficiente efectivo para afrontar os gastos de máis premura. Porén, os cartos non chegaran con ela a terra firme; alguén llos requisara unha noite namentres durmía. Fora presentar queixas ao patrón da embarcación, mais el escusárase dicíndolle que cada quen tiña que coidar do seu. Para poder pagar o coche de liña que a carrexou á súa terra, vírase na obriga de malvender todas as alfaias que de valor posuía. Aquelas que estaban reservadas para lucir o día do san Cristovo, patrón da súa parroquia, para o que xa nada máis faltaban uns poucos días. Non obstante, ese contratempo, non ía minguarlle a ledicia de tornar ao seu fogar. Así sentou no autobús, tomou a determinación de amosar a súa mellor cara; ninguén tiña que decatarse dos apertos económicos nos que estaba somerxida. Vendería Chouposa, unha das súas mellores leiras, e co que lle deran, conseguiría saír adiante. A finca era moi boa, no entanto, os cartos apenas lle alcanzaran para mercar unha vaca, un porco, dúas galiñas e un galo, e quedar con catro patacos para solventar o cotián. O arranxo da vivenda, que tanto lle urxía, tería que agardar a mellores intres, eses que non sempre chegan. Comezara por rozar e gabear o horteiro. Cando xa a tiña preparado, axudada polo señor Bautista, seu veciño, plantáralle patacas, repolos, chícharos e verzas. Logo de tantos anos de barbeito, a terra sentía degoxo por exercer seu frutuoso labor, e a colleita metía xenio vela. Mais os traballos non remataron aí. Chegado o mes de maio, á par que sachaba e limpaba de herbas o froito, xa tamén gabeara catro ferrados da mellor terra, e sementáraa a millo, cabazas e feixóns. De ser bo ano, tería suficiente alimento. E como os alimentos é ben cociñalos antes de seren inxeridos, tamén se dera ó labor de xuntar cadullos e piñas polos prados, e carrexalos cara á banda do suleiro que aínda ficaba teitado. Todo semellaba ir ben; ata algúns veciños, sabendo que a muller viñera para se quedar, provérana de semente, esterco, e o máis indispensábel para comezar. Porén, tal e como reza o refrán: as alegrías na casa do pobre, adoitan render pouco. Así se decataran de que Manuela non era a rica indiana que eles agardaban, e que para sobrevivir se vira obrigada vender a mellor leira que seus pais lle deixaran, a admiración que nun primeiro lle dispensaran, tornárase en desafección e desprezo. A Pelegrina sentira a zorregada do desamparo en todas e cada unha das partículas da súa cocida pel; seus veciños viráranlle as costas. De socato, ficaba soa ante unha manada de serpes que ameazaban con trabarlle ao mínimo descoido. Non sendo muller adiñeirada, nin tendo familia que mirara por ela, pasara a converterse no monicreque do lugar. A primeira das moitas falcatruadas que tivera que aturar, fora a perda do porco da ceba. Tornaba ela do prado cun feixe de toxos á cabeza, cando ao entrar polo cancelo do curro, viu o porco estricado no chan, e tres mozos, dos que ela lle tiña prevención, por consideralos aturrantes e maleducados, mirándoa con face burlesca á vez que lle relataban como tivera acontecido a morte do animal. Que polo visto, fora de repente e sen que ninguén lle fixera ningún mal. E por se acaso, que non comese da súa carne. Que na Choupana morrera outro de parecido xeito, e que na casa dos donos, após comeren carne infectada, morreran todos. E namentres eles se divertían co cruel embuste, ela sentía ganas de cavar unha fochanca na que coubesen o porco ela e a súa mala sorte, e darse concluínte sepultura. Sentía que estaba a vivir un pesadelo; cando pola mañá saíra da casa, o porquiño despedíraa a mar de contento, mesmo ela recadara landras coa súa propia man para llas dar a comer; era un animal manso e agarimoso. Tanto, que xa se estaba vendo nun dilema: matalo e ter tallada que comer, ou respectarlle a vida e contar coa súa amábel compaña. Porén, o dilema desaparecera ao par cas súas ilusións. O Regachiño, o Trillo e o Carnotán, os tres mareantes do lugar, aproveitaran a ausencia da muller, á que enxergaran saíndo polo cancelo cun fouciño nunha man, e un forcado e un rello na outra, e metéronselle na eira, onde viron o porco comendo landras debaixo do carballo. O Regachiño pillou unha corda do alpendre, e facéndolle un lazo corredío, lanzoulla ao pescozo do animal. E des que o tiña apreixado, afincou a corda a árbore e entre todos turraran del até o encoraren. Como denantes dixen, esa foi a primeira, mais non a última diabrura. O porco non chegou a ser soterrado, tal como seus asasinos querían. Achegárase o señor Bautista para ver que pasara, e el mesmo lle axudara a esventralo e salgalo. Tamén ela vira a pegada da corda no pescozo do animal. Así a todo, non se atreveu a acusar a ninguén; sabía que levaba as de perder. E como denantes dixen, aquilo nada máis fora o limiar do que sería unha restra de desgrazas. Despois de lle aparecer o porco morto, e cando aínda non se arrepuxera da pena, desaparecéralle a vaca da corte. Pese a ela escoitar o alertador ladrar dos cans, non se vira con folgos para ir ver o que acontecía; ía en dous días que ardía en febres. Mais así puidera erguer do leito, fora dereitiña á corte. Que para seu desacougo, ficaba baleira e coa porta aberta. Caéralle a alma aos pés; aquilo non podía ser certo! Onde estaba a súa Marela? Botara días e noites buscándoa. Xa non faltaba moito para que parise a primeira cría. Cansou de vagar por prados e corredoiras chamándoa a berros e preguntando por ela a canto cristián se lle cruzaba no camiño. Todos dicían o mesmo: que nada sabían da súa vaca. Manuela intuía falsidade nas verbas e nos xeitos da xente; facía tempo que perdera a fe no xénero humano. Tratábana por tola sendo persoa corda. E tal circunstancia non lle pasaba desapercibida. Ela ben vía como rían uns cara os outros e se daban co cóbado; como acordando o vexame que estaban a inflixirlle.

Sen porco, sen vaca, e sen amigos no mundo, a Pelegrina non achara un pequeno motivo, por moi feble que este fora, para se afincar á realidade. Afogara no mar da tristura e o desencanto, e deixara de pelexar. A fame o frío e a soidade, convertéranse en compañas cotiás. Pasaba días alancando sen rumbo. Tal era seu desvarío, que mantiña conversas con seres inexistentes, e parábase a escoitar os refachos de vento que se coaban por entre as pedras das paredes, para tentar descifrar o dicían, pois desconfiaba que estivesen a murmurar dela. Manuela, a muller da que os peritos que fixeran a concentración parcelaria, aseguraran que era a persoa máis intelixente e sensata de todas cantas trataran na contorna, após tantos reveses e desprezos, convertérase nunha pobre lunática; todo nela era extravagante. Dende o seu xeito de vestir, ata a morea de costumes adquiridas alén do mar. Nunca antes os veciños enxergaran unha muller fumando. A Pelegrina facíao. Que a falla de tabaco para enlear, apañaba e secaba follas de labaza, e con elas confeccionaba enormes pitos que fumaba á vista de todo o mundo. Xa non terían recendo a tabaco, porén, eran de balde e matábanlle o antollo. Esas, e outras particularidades, servíalles de entretemento a maiores e a rapaces, que des que conseguiran alterarlle o siso, facíanlle as peores barrabasadas: metíanlle a cabezalla do carro polo furaco da porta para que non puidese saír da casa, arrebolábanlle bechos mortos, baixaban os calzóns e amosábanlle as pirolas, subíanselle á mesa da cociña e cagábanlle enriba dela. O regachiño, sempre que a tiña ao xeito, erguíalle a saia cunha vara de aguillón, e á par que ría a súa felonía, ameazábaa con lla chuzar pola natura. Aqueles rapaces, mozos e non tan mozos, deprendían uns dos outros. Mesmo había apostas por ver cal argallaba a trasnada máis grande.

Para se abstraer da dor que lle ocasionaba tanta felonía, a muller botaba man de xaculatorias. Das aprendidas de nena na catequese, das extraídas dos rituais afrocubanos aos que tamén daba creto, e das supersticións adheridas á cultura galega. Sen dúbida, un estrambótico remexido espiritual de difícil catalogación e dubidosa efectividade. Parecíalle á Pelegrina que todos os cerimoniais amuletos e deuses do mundo, eran pouco esconxuro para semellante mal fado. Aquelas persoas que lle tocaran por veciños, e ás que nunca lle faltara ao respecto, estaban a ser o seu meirande calvario; máis parecían pérfidos diaños que xente de corazón no peito.

Pelegrina pasou a vida correndo, caendo, e tornando a erguer. Todo para se resgardar da xente, dos maos espíritos, e das pedras que tiñan o mal vezo de voar. Se algo bo houbese que afirmar das desgrazas, diríase que non son eternas. Pois non demorou a muller en partir deste mundo sen deixar débedas con el. Após observar con fixeza a porta da súa casa, e esta manifestarlle que xa non tornaría saír con vida por entre as súas soleiras, pechara os ollos por ver se o ditame era certo. E para seu consolo, deixara de sentir os golpes das pedras, a fereza das verbas, e a presenza das pantasmas que noutrora atormentaran; descansaba en paz. A morte, ese inmaterial ente ao que tanto temía, resultara ser linimento para a súa magoada alma. Nos setenta e dous anos que vagou pola vida, endexamais experimentara acougo ao tal; ninguén conseguiría arrigarlle a cota de gozo que experimentou no transo final. Onde os diaños se tornaran anxos e as pantasmas agarimosos biosbardos. Obviaran a súa avesa labor, e xuntáranse para lle cantar a xangal e derradeira melodía. Partía deste mundo con todos seus tesouros pendurándolle da cinta. Chaves, escapularios, caíños de porco bravo, crucifixos, medallas, e outros abelorios aos que eu non sabería designar, acompañárona na súa derradeira viaxe.

Por ironías da vida, foron os rapaces quen botaron en falla á Pelegrina; sentían degoxo por alporizala, e tardáballes vela. Polo que non dubidaron en entrarlle á casa, e subiren as esnaquizadas escaleiras que levaban ao seu cuarto. Tiveran que acomodar a vista á escuridade do lugar. A muller ficaba en posición fetal. Seu rostro reflectía unha mestura de acougo e benestar; como se houbese un ceo, e ela estivese nel. O Curro, o máis atrevido deles, zorregoulle unha forte xostregada nas pernas por ver de a espertar. Mais vendo que seguía inerte, e ante a posibilidade de que estivese morta e se lle fora a aparecer polas noites, animara aos outros a fuxir.

Manuela, a Pelegrina, é unha muller á que non podo arredar do maxín. Parecíame a raíña dun conto por inventar. Era vela, e acendérseme a chispa da fantasía. Nunca entenderei porque lle chamaban tola a unha muller que vestía bonito e cantábame tangos á caloriña do lume. E mentres o facía, peiteábame os cabelos co agarimoso peite dos seus avelloados e trementes dedos. Manuela era un ser excepcional; deses que case nunca atopan cabida na sociedade.

Talvez iso ao que lle chamamos tolemia, nada máis sexa unha argallada da mente para evadir a realidade cando esta teima en esnaquizar soños.