30 Xan A escola rural, fonte de vida, garantía de futuro
Xoán C. Chillón Iglesias, mestre xubilado
Do mesmo xeito que cando pensamos na natureza, non podemos esquecer que a auga é orixe, fonte e nutrinte da vida, cando nos referimos ao espírito humano non podemos deixar de proclamar a importancia da escola. A nosa sensibilidade ecolóxica lévanos a percibir a desertización como unha grave ameaza para a vida sobre a Terra, a nosa sensibilidade cultural deberíanos previr da necesidade de regar o espírito e é nese contexto onde a escola se converte no noso viveiro, no lugar onde comprender o pasado e sementar o futuro.
“Un pobo sen escola é un pobo morto”, cantas veces temos escoitado esta frase!. Sen presenza infantil, sen presenza escolar, ese pobo está condenado a desaparecer. “Pechar unha escola é pechar un pobo”.
Resulta sorprendente constatar que, ao mesmo tempo que nos laiamos da regresión demográfica do interior de Galiza, dinámica que tamén se sufre noutros lugares do estado español, de que comprobemos cono centos e centos de pobos son morriñentas ruínas, verdadeiros cemiterios de lembranzas, seguimos a desmantelar servizos básicos que a cidadanía precisa.
A precariedade e desaparición da educación no medio rural enmárcase no mesmo contexto do desamparo e abandono no que está inmerso ese territorio. Non existen proxectos integrais, nin a implicación e sensibilidades debidas. O necesario equilibrio nos ámbitos socio-económicos e territorial na Galiza é unha prioridade, unha urxencia, na que non podemos permitirnos perder máis tempo. Timidamente convócanse congresos e estudos de análise desta tendenza de despoboamento nos que se evidencia un fatalismo inevitable e unha aceptación rexeitable de que son os novos tempos. As distintas administracións non poden seguir recortando o servizo educativo cun enfoque economicista, contemplando a educación coma un gasto que hai que racionalizar estritamente.
Unha escola integrada no mundo rural, ademáis de ser vida, é un xérmolo de innovación pedagóxica e metodoloxía activa e integradora, onde brilan os valores educativos de aulas multicursos, de cooperación (formadores de formadores) e comunidade, mestura de idades que enriquecen as vivencias dos/as escolares dunha forma máis participativa e dinámica. Apoiemos os recursos e materiais que este tipo de educación require. Os patrimonios natural e histórico-artístico de cada territorio son as bases dese novo traballo, onde a escola pode e debe ser o motor socio-cultural dun lugar.
Aquí, dende O Morrazo, coa nosa propia xeografía do rural tamén en regresión na perda do servizo educativo, mais non comparable ao grave abandono das zonas do interior, temos amáis unha historia insular que pode servirnos de imterese, como é a Illa de Ons. A experiencia educativa publicada polo mestre Julio Santos Pena do seu periodo de docencia nos primeiros anos da década de 1970, os estudos do mestre e investigador Arturo S. Cidrás sobre o maxisterio en Ons durante os séculos XIX e XX, ilústrannos moi ben do que representaba este servizo socio-educativo para un territorio e como, paseninamente, a correspondente perda de servizos, conleva ao despoboamento.
O documento elaborado pola Mesa Galega de Educación no Rural, conformada por profesorado, sindicatos, movementos e proxectos de renovación pedagóxica, asociación de nais e pais, ten unha clara folla de ruta a seguir. Dotar de recursos profesionais e materiais para unha educación de calidade, contemplando especialistas de educación infantil e educación primaria, así como de apoio,..“A poboación rural non é de segunda categoría e merece os servizos educativos en igualdade respecto do resto da poboación”.
Cangas, agosto 2020