30 Ago Concentración en Cervantes contra a supresión do profesorado de infantil
No 2012 suprimiron a praza de profesor especialista de infantil, iso fixo que tomáramos conciencia da fraxilidade dos servizos públicos e da futilidade dos criterios que aplica a administración. É moi sinxelo: pouca poboación, poucos servizos. Tristemente a ninguén lle interesa o rural, somos poucos votos e non vale a pena investir aquí. Estamos fartas de repetir que a educación é o futuro do país, que a especialidade de infantil é a base da formación das nenas e nenos e que non valen parches. Eles son o máis importante e todo o sistema educativo ten que xirar o seu redor. Son os protagonistas. Tamén estamos fartas de repetir que os dereitos das nenas e nenos non se tocan, non se negocia con eles, non se regatea. Nós pagamos impostos coma todas as galegas e galegos e temos que ter os mesmos servizos. Tal parece que o actual sistema educativo non sae rendible, aínda que os dereitos non son caros nin baratos, nos colexios rurais, se isa é a razón, entón o sistema non serve. Haberá que cambialo porque a calidade do ensino público ten que garantirse. Todas sabemos que o noso modo de vida esmorece, que perdemos poboación, que poucos valentes se animan a vivir na aldea, que as cousas non son precisamente doadas, que falta todo. A nosa cativada ten dificultades para acceder as actividades extraescolares, aquí non temos conservatorio, nin escola de idiomas, a oferta deportiva é mínima, o cine está a unha hora polo menos de coche, non queda rapazada nas aldeas para xogar, non temos liñas de transporte público que permita que as nosas estudantes de bacharelato poidan ir e vir tódolos días a casa, na maioría das aldeas non chega a fibra para ter, polo menos, internet de calidade… e ademais recortan en profesorado. Seica esquecemos que o rural é país , é cousa de todos e agora nós somos poucas para defendelo. Non podemos permitirnos que isto siga esta terrible tendencia, temos que darnos conta de que aquí, perdemos todas. É moi triste que teñamos que saír á rúa para facernos escoitar, acaso non se ve o que está a pasar? . Estamos agardando outra vez a que chegue o lume as cidades porque os montes e os campos están sen traballar, sen xente, sen ganado? Ou a que os xabarís paseen tranquilamente pola Ronda?. A qué agardamos? A que non quede quen o conte. Deixade de mirar á aldea coa mirada de pena, nin precisamos nin queremos dar pena, queremos que fagades do noso problema o voso porque o é. Precisamos urxentemente unha política que protexa e promova o rural e precisamos un plan educativo específico para o rural. As nosas nenas e nenos meréceno e nós tamén