BASES LEGAIS

III CONCURSO AUDIOVISUAL “ANPAS GALEGAS – Somos Rural”

1 . ORGANIZACIÓN

A Confederación de Anpas Galegas convoca o III Concurso Audiovisual “ANPAS GALEGAS – Somos Rural” (en adiante o “CONCURSO”).

O CONCURSO é gratuíto e participar non implica custo ningún.

2. OBXECTO DO CONCURSO E ÁMBITO DE APLICACIÓN

 

2.1 OBXECTO DO CONCURSO

Convocamos o III CONCURSO AUDIVISUAL ANPAS GALEGAS SOMOS RURAL coa intención de seguir contribuíndo a que os centros escolares mostredes toda a riqueza que ten o noso rural e sigamos poñéndoo en valor entre todas e sobre todo entre o alumnado galego.

O eixo central do CONCURSO será a realización dun vídeo de entre 1 e 3 minutos de duración (de 60 a 180 seg.), que se entregará acompañado dun mínimo de 8 e un máximo de 10 fotografías de temática relacionada, así coma dun cartaz promocional e unha memoria explicativa. (En adiante referímonos a estas obras requiridas como o “PROXECTO”).

O PROXECTO versará sobre calquera aspecto do patrimonio material ou inmaterial rural galego que a equipa participante desexe valorar, preservar e difundir. Non é intención deste concurso converterse nunha plataforma de denuncia das necesidades ou abandonos aos que sabemos que está exposto o rural galego. Máis ben ao contrario, pretendemos PROXECTOS en positivo, que poñan na palestra o que temos que ofrecer e compartir, e aquilo que cómpre redescubrir e poñer en coñecemento da cidadanía galega. Trátase de poñer en valor o noso patrimonio.

2.2 QUEN PODE PARTICIPAR?

  • • Este concurso está dirixido a alumnado de centros educativos de ensino público das etapas de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP básica ou FP de grao medio. Admitiranse tamén as obras realizadas polo alumnado das escolas municipais e conservatorios profesionais de música públicos, sempre que este alumnado estea tamén cursando estudos nas etapas de primaria, secundaria, FP básica ou FP de grao medio ou bacharelato en centros de ensino galegos.
    • Se un centro educativo presenta varias equipas, estas teñen que estar compostas por alumnado diferente.
    • Poden presentarse PROXECTOS realizados por un mínimo de 10 e dun máximo de 35 alumnos por grupo; aínda que coa xustificación axeitada poderanse admitir grupos máis elevados se proceden de centros educativos rurais con grupos heteroxéneos de alumnado.
    • As equipas participantes deberán estar dirixidas por unha persoa docente, e contar coa aprobación expresa da dirección do centro ao que pertenzan, relativa neste caso non só en canto á participación no concurso, senón mesmo na utilización do centro de ensino para, no caso de resultaren premiados, celebrar nel o acto de entrega de premios e actividades accesorias ao mesmo que se describen máis adiante.
    • Para participar deberán cumprimentar o formulario específico dentro da web https://somosrural.anpasgalegas.gal e aterse ás bases legais específicas do CONCURSO.

2.3 MARCO TEMPORAL E TERRITORIAL

A solicitude de participación formalizarase mediante unha preinscrición, polo que se define o período de preinscrición do 18 de novembro ao 8 de decembro de 2024, ámbolos dous incluídos. Unha vez aceptada a solicitude, o prazo para a presentación dos proxectos abrangue dende o 12 de decembro de 2024 ata o 30 de marzo de 2025, ámbolos dous incluídos.

O ámbito territorial é a Comunidade Autónoma de Galicia, coa limitación de que os participantes estuden nun dos centros recollidos no punto 2.2 das presentes bases legais.

2.4 REQUISITOS DE PARTICIPACIÓN

Os requisitos para a aceptación dos PROXECTOS neste concurso son:

  • Cada equipa poderá presentar un único PROXECTO.
  • O PROXECTO deberá ser orixinal e inédito, especificamente creado para este concurso, e non poderá ter sido presentado en concursos anteriores nin publicado en ningún tipo de soporte ou plataforma.
  • O PROXECTO constará de:
    • Un vídeo de entre 60 e 180 segundos, cunha resolución mínima de 1280 × 720, en formato MP4 e un peso máximo de 250MB.
    • Entre 8 e 10 fotografías en formato JPG ou PNG, tamaño 20×25 cms. e resolución 300 ppp.
    • Un cartel promocional, en formato PDF e tamaño DIN-A4, cunha resolución de 300 ppp. Nese cartel deberá figurar claramente o logotipo de Anpas Galegas e a información do concurso no que se participa.
    • Unha memoria explicativa do mesmo, que se axustará o modelo que aparece no punto 9 destas bases.
  • Cada PROXECTO levará un título que o identifique, así coma o nome do centro participante.
  • Facilitarase información da persoa de contacto encargada de dirixir o PROXECTO, xunto cunha denominación xenérica do alumnado que participe, “clase de x curso”, “alumnado do CPI…”, etc. É imprescindible que a persoa coordinadora do proxecto facilite un teléfono móbil de contacto.
  • En todas as súas partes, o PROXECTO debe utilizar exclusivamente a lingua galega e manexar unha linguaxe non sexista.

3. MECÁNICA DO CONCURSO

3.1 PREINSCRICIÓN

Para participar cada equipa deberá realizar unha preinscrición no formulario correspondente e nos prazos marcados pola organización, na que se indicarán os datos de contacto da equipa, o título do proxecto e unha breve memoria.

A preinscrición realizarase no formulario “ PREINSCRIPCIÓN III CONCURSO AUDIVISUAL ANPAS GALEGAS SOMOS RURAL” que atoparedes na web https://somosrural.anpasgalegas.gal

3.2 INSCRICIÓN

Unha vez que a organización considera a preinscrición apta, cada equipa enviará toda a documentación a través da web https://somosrural.anpasgalegas.gal,cubrindo o formulario correspondente e incorporando a totalidade do PROXECTO.

O vídeo será requirido en dous formatos:

  • Subirase a unha canle de YouTube propia en “modo oculto”, de forma que se facilite unha ligazón para a súa visualización por parte da organización do CONCURSO.
  • O vídeo orixinal deberá ser entregado tamén en formato MP4 a través dunha ligazón para descarga (empregando por exemplo un espazo de almacenamento na nube ou a través de plataformas de envío coma www.wetransfer.com.)
  • Por outra banda, resulta imprescindible para participar que se entreguen debidamente cumprimentados os seguintes documentos asociados ao PROXECTO (que se descargarán no formulario de inscrición definitiva):
  • A autorización de difusión individualizada de cada persoa participante que apareza dun xeito identificado no PROXECTO.
  • A certificación do centro identificando ás persoas participantes e á persoa de contacto (imprescindible aportar un teléfono móbil de contacto).
  • A certificación do centro asegurando a súa dispoñibilidade para o caso de que a equipa presentada resulte premiada no presente CONCURSO.

3.3 XURADO E VALORACIÓN

O xurado deste premio estará composto polas persoas que ostenten a presidencia das Federacións asociadas á Confederación ANPAS GALEGAS e máis pola persoa que ocupe a presidencia da mesma. No caso de coincidir a presidencia da Confederación coa dunha das Federacións asociadas, esta Federación nomeará a outra persoa como representante no xurado.

Cada persoa do xurado baremará do 1 ao 5 cada proxecto, o gañador será o que máis puntos acade.

O xurado valorará especialmente:

  • A participación de equipas de idades e niveis académicos diferentes.
  • A participación das familias do alumnado.
  • A inclusión dentro dos equipos de persoas con necesidades específicas de apoio educativo.
  • A composición diversa, en calquera aspecto que poida ser valorado, das equipas presentadas.
  • A difusión de lugares, costumes ou tradicións que actualmente sexan descoñecidas para o gran público.
  • A implicación do alumnado na elaboración do traballo obxecto do PROXECTO, non só como intérpretes ou modelos, senón mesmo como traballadoras directas dos materiais necesarios.
  • A alegría demostrada. Queremos PROXECTOS en positivo, que conten o que temos que ofrecer e compartir. Non é intención deste concurso a denuncia das necesidades nin dos abandonos aos que está claramente exposto o rural galego.

A Confederación Anpas Galegas resérvase o dereito a eliminar do concurso aqueles PROXECTOS que induzan, inclúan ou teñan relación directa ou indirecta con calquera tipo de violencia, que introduzan valores contrarios á igualdade, á participación democrática plural, ou á atención á diversidade. Igualmente rexeitaranse aqueles PROXECTOS que, directa ou indirectamente, fagan publicidade de calquera tipo de marca ou negocio, igualmente rexeitaranse aqueles que teñan a intención de expoñer os valores dun centro escolar concreto.

3.4 PREMIOS

  • Todas as equipas participantes recibirán un diploma pola súa participación e os seus PROXECTOS permanecerán publicados na web https://somosrural.anpasgalegas.gal/ con toda a información correspondente ao mesmo.
  • Igualmente, recibirán unha impresión en cartón pluma das fotografías presentadas, para que poidan ser expostas no seu centro escolar.
  • Existirá un premio único para o mellor PROXECTO que consistirá no pagamento directo de ata 800 euros das facturas correspondentes a unha actividade extraescolar para o alumnado premiado, dentro do seguinte catálogo –non limitativo- de opcións:
    • Campo Lameiro
    • Centro de interpretación de Corrubedo.
    • Parque arqueolóxico cultura castrexa Lansbriga
    • Castro de Viladonga.
    • San Amaro, Ourense
    • Calquera outra actividade relacionada co patrimonio galego, que sexa previamente autorizada pola organización, a proposta das autoras do PROXECTO gañador.
  • A organización da xornada de entrega de premios no propio centro escolar, ou nun local achegado que xestionará o propio centro, en data a coordinar coa dispoñibilidade do centro, que consistirá en:
    1. Introdución e presentación.
    2. Visualización dos vídeos participantes, ata un máximo de 20.
    3. Visualización e explicación do PROXECTO gañador, por parte do equipo participante.
    4. Conferencia sobre o rural galego, cunha temática vencellada ao contido do PROXECTO gañador.
    5. Entrega de premios e finalización do acto.
    6. Esta xornada quedará gravada, e formará parte como recurso audiovisual da páxina web antes indicada.

4. ACTIVIDADES POSTERIORES

A Confederación Anpas Galegas resérvase o dereito a realizar cos PROXECTOS participantes as actividades de difusión e presentación que considere interesantes para a defensa do Ensino Rural Galego; comprometéndose a citar, e mesmo a invitar, ás persoas que xestaron o PROXECTO do que se fai mención, sempre dentro da voluntariedade da súa participación.

5. DEREITOS DE IMAXE

As equipas participantes cédenlles á organización os dereitos sobre todas as obras presentadas e, en particular, os dereitos de comunicación pública, distribución, reprodución e transformación, polo tempo legalmente previsto e para a súa utilización de forma non exclusiva en calquera formato ou medio, sen dereito a percibir por iso contraprestación algunha.

Igualmente, comprométense a facilitar á ORGANIZACIÓN todos os permisos de exhibición e publicación das obras presentadas, acreditando que existe a autorización, facilitada polos responsábeis das persoas menores de idade, para a difusión das imaxes de cada participante no vídeo, ou de que apareza dun xeito identificado nas fotos.

A participación neste concurso implicará a cesión absoluta e indefinida das obras presentadas, que pasarán a ser propiedade exclusiva da Confederación Anpas Galegas, quen adquirirá o dereito pleno a súa utilización en calquera actividade ou medio de difusión que esta Confederación puidera realizar.

6. PROTECCIÓN DE DATOS

En cumprimento do previsto na normativa vixente en materia de protección de datos, a organización, como responsable do tratamento, informa que os datos persoais facilitados a través do formulario de inscrición serán tratados coa única ­finalidade de xestionar a participación no CONCURSO, contactar coas persoas gañadoras e xestionar a entrega do premio.

A base xurídica do tratamento dos datos é o consentimento outorgado expresamente ao inscribirse no concurso e, de ser o caso, a interese lexítima.

Os datos persoais poderán ser comunicados a terceiros prestadores de servizos cos que subscribísemos o correspondente acordo de acceso a datos na medida en que dita comunicación resulte necesaria para poder garantir o desenvolvemento do concurso. En calquera caso, adoptaranse as medidas legais e organizativas necesarias para garantir a seguridade dos datos.

Os datos solicitados conservaranse durante o prazo necesario para o cumprimento das finalidades descritas, así como, no seu caso, polo tempo necesario para o cumprimento das obrigas legais que corresponden ´`a organización.

A organización adoptará as medidas técnicas e organizativas necesarias para garantir a seguridade e integridade dos datos, así como para evitar a súa alteración, perda, tratamento ou acceso non autorizado.

Deberase noti­ficar á organización calquera modif­icación que se produza nos datos persoais facilitados, respondendo os responsables en calquera caso da veracidade e exactitude dos datos fornecidos en cada momento. Os ORGANIZADORES resérvase sen prexuízo doutras accións que puidesen corresponderlles, o dereito a non conceder ou retirar o premio a quen facilite datos falsos ou incompletos.

As/os participantes, así como calquera outro terceiro cuxos datos sexan facilitados a través do formulario de inscrición no CONCURSO poderán exercitar os DEREITOS de OPOSICIÓN, ACCESO, RECTIFICACIÓN, LIMITACION, SUPRESIÓN E PORTABILIDADE mediante escrito dirixido a Confederación ANPAS Galegas,  Rúa de Estocolmo, 8, 15707 Santiago de Compostela, A Coruña acompañando fotocopia de DNI ou no seu defecto documento que acredite a súa debida identidade ou ben con carácter previo  solicite que lle sexan remitidos os impresos dos que o responsable do tratamento dispón. No caso de que non estea conforme co  tratamento dos seus datos poderá dirixir as súas reclamacións ante a Axencia Española de Protección de Datos, C/ Jorge Juan, 6 – 28001 Madrid.

7. XERAIS

A organización resérvase o dereito de suspender, ampliar ou modificar este concurso e mesmo a súa posible anulación sempre que exista unha causa xustificada, e comprométense a comunicar con antelación suficiente as novas bases, condicións ou, se procede, a anulación definitiva do concurso, sen que isto comporte ningún tipo de responsabilidade para a organización nin indemnización para os participantes.

A organización resolverá calquera incidencia que poida producirse e a súa decisión será irrevogable.

A organización resérvase o dereito de deixar fóra do concurso ás/ós participantes que fagan un uso abusivo ou fraudulento destas bases legais ou que non cumpran algunha das condicións aquí establecidas ou non acepten o contido.

8. ACEPTACIÓN DAS BASES LEGAIS

A participación neste concurso implica a total aceptación destas bases, así como o criterio da organización en canto á resolución de calquera interpretación das mesmas.

9. ANEXO: ESTRUCTURA DA MEMORIA

A memoria explicativa ten que estar redactada seguindo a estrutura que aparece a continuación:

  • Fonte: Times New Roman
  • Tamaño da fonte: 12

TÍTULO DO PROXECTO

CENTRO EDUCATIVO

INTRODUCIÓN

Breve introdución do centro educativo e a contorna, así como as motivacións para facer o proxecto (máx. 15 liñas)

O PROXECTO

Explicación do proxecto, en que consiste e breve descrición de cada unha das partes do mesmo (cartel, imaxes e vídeo (máx. 30 liñas)

METODOLOXÍA

Explicación breve de como se levou a cabo o proxecto, que procedementos e accións se levaron a cabo para a organización do proxecto (máx. 15 liñas)

 EQUIPA COORDINADORA E ALUMNADO PARTICIPANTE

Nome e apelidos dos coordinadores ou departamentos implicados

Nome e apelidos do alumnado indicando o curso ou cursos participantes

RECURSOS

Materiais, ferramentas… ou calquera outro tipo de recurso que se empregara para levar a cabo o proxecto (máx. 10 liñas)

OBSERVACIÓNS E/OU VALORACIÓNS

Breve valoración do proceso e calquera observación que consideren oportuno engadir (máx. 10 liñas)