colaboracion 12 - unha escola dos 50_27.2._imaxe_-_libros_da_escola_dos_50_-_ana_sabela_seoane

Unha escola dos 50

Sabela Seoane e Lidia Vázquez

Moitos e moitas coidan que calquera tempo pasado foi mellor. Non é así, só temos que escoitar as voces que, de xeito cíclico, o rememoran.

Todo muda, debemos estar vixilantes para que os valores que imperen sexan os da tolerancia, respecto e soliedariedade cara os semellantes e a nosa contorna. O coñecemento efectivamente é un dereito para os nenos e nenas, que deben disfrutalo sen rompemento ou angustia por separación. Hai que achegar a escola ás crianzas, e non as crianzas á escola, pois valorar e coñecer o que son, asentará as raíces que lles permitirán máis tarde florecer ou non, segundo a súa libre elección, pois as follas perennes tamén se precisan para manter o equilbrio natural.

Cando escoito á miña nai, visualizo todo o bo e todo o malo da escola a través do tempo, o pasado non sempre foi mellor efectivamente, porén é preciso coñecelo para rescatalo, reconciliarse con el e construír, aínda que sexa a golpe de nostalxia, todo aquello que asenta a alma dun pobo. As raíces dos nenos e nenas do rural non se poden trasplantar.

Miña nai, nada no 1948 na parroquia de Cazás, concello de Xermade, e as lembranzas que non esquece ligadas á súa escola:

  • Que anos tiñas cando empezaches a ir á escola?
  • Seis anos, non…., debía ter máis, 8 quizais.
  • Canto tempo fuches?
  • Aos 14 xa saín, saiamos todos daquela así… a traballar despois na aldea…moito.
  • …E os que seguían estudando?
  • Viñán a unha academia á Ferrería a Vilalba… e despois ían para Santiago. Ai Dios! Ir por aqueles camiños… comiamos na escola, levabamos un bocadillo de pan cunha pouca carne, cando nos daban un pedazo de chocolate… iamos máis contentos!
  • A que hora saiades?
  • Iamos pola mañá e pola tarde, non me acordo a que hora saiamos.
  • Se levabades comida, entón, non había comedor?
  • Non, os de lonxe comíamos o que levábamos na escola, e os de cerca, ían comer á casa. Levabamos a comida nunha saqueta, froita levábamos sempre, porque a había na casa…. Poñiamos botas de goma, e moitas veces, subíanos a auga por riba delas, mollabamos as medias de lá, retorciamolas, volvíamolas poñer, e estábamos así todo o día con elas molladas.
  • Non había transporte, claro?
  • Non oh! Iamos andando por camiños de lama e auga, subindo polos valados, porque polas corredoiras…, non dábamos andado. Se nevaba, aos de lonxe, deixábannos saír antes.
  • Que estudabades?
  • De todo, polo libros de 1º, 2º e 3º grado da Enciclopedia.
  • Que material escolar tiñades?
  • Tiñamos unha pizarra de lousa, o papá facianos un pizarro para escribir os deberes que metíamos nun maletín.
  • Pero non había moito espazo na pizarra para deberes?
  • Pois alí os levábamos, era grande; e algunhas veces borrábanse e chorábamos…. Canta paciencia tiña o papá! Na casa enseñábame el, eu esperaba deitada no banco de detrás da cociña a que chegara de carpentexar, chegaba á unha da mañá ou así…e explicábame todo tan ben. Despois de vir de traballar, aínda se poñía comigo, incluso collía palillos para me facer entender. Moi listo era!
  • E onde aprendera el?
  • Non o sei (hai partes do pasado das que nunca se falaba antes, supoño que era mellor non saber. Quen as puidera rescatar!). Fora a unha escuela particular, ou con mestres que había por alí. El cubicaba, tiña que facelo pois era carpinteiro, e daquela non había máquinas eléctricas, facía todo a mau. Nin tiñamos luz eléctrica, había luz de gas.
  • Na vosa escola, non había que pagar?
  • Non se pagaba, moitos levábanlle algo ao profesor, ovos por exemplo…
  • Onde vivía o profe?
  • Na escola, arriba. Era unha mestra vella xa, doña Carme.
  • Cantos nenos erades?
  • Moitos. Había varias mesas… pensó que eran de 4, moviamolas para limpalas, porque barriamos nós a escuela todos os venres, iamos cambiándoas de sitio para limpalas. Eran mesas grandes, rectas, e tiñan o tinteiro no medio, non tiñamos bolígrafo, escribíamos con pluma de paxaro gallada na punta.
  • Entón tiñades libretas para escribir, dábanvolas?
  • As libretas mercábamolas, pero na casa non tiñamos con que escribir nelas.
  • Entón que levabades de deberes na pizarra de lousa?
  • Problemas e cuentas… moi mal se me daban! e o papá tiña unha paciencia para explicarmas… Que pobreza Dios! Eu tiña dúas mudas para ir ao colegio nada máis, e levábamos un mandil tecido na casa, negro, coma un mantelo, poñiamolo na cabeza e así andabamos, non tiñamos paraugas nin nada… un mandil tecido no tear.
  • E se non tiverades esa escola alí?
  • Había unha en Tardad, que os de Distriz ían antes á de Tardad. En Cazás había outra non monte, na Casavella, pero quedaba máis lonxe ca de Tardad.
  • Só tiñades unha profe? De que vos daba clase? Seguía os libros?
  • Só había unha profe, e daba clase do que tocara. Para os mapas saiamos ao encerado, e mandábanos escribir as capitales… “España capital Madrid, Francia capital París.”
  • Non estudabades ningunha lingua estranxeira?
  • Non, nin galego, as clases dábamolas en castelán.
  • Tiñades plástica?
  • Non. Pero enseñábannos a bordar.
  • Os nenos tamén bordaban?
  • Diso non me acordo. Iso sí, todos os venres turnábase un cativo para rezar o rosario para todos. (Supoño que como poño cara rara, ela prosigue como se identificara o medo): O que nos poñía medo, era o home dela, non hai moito que morreu. El andaba de caza, e algunhas veces viña por onde se subía para o piso de arriba. Había un silencio… E poñiamonos os cativos ao redor da mesa e el facianos contar, 2+2, + 13, 100-2, -4… había que contestar rápido, e se non sabíamos dábanos cun lápiz largo na cabeza, a min non, que era moi rápida. Para ler, tamén nos poñían arredor da mesa e lías o trozo que che tocaba, a un compañeiro dicíanlle que laiaba ao ler,… E cando explicaban unha cousa… eu non tiña facilidade de palabra, pero entendía todo moi ben, á primeira…. Había nenos moi malos, e o castigo era mirar para o encerado ou non saír ao recreo.
  • E se falatabades? Que pasaba?
  • Nada. Os pais non lle daban importancia: “Lidia, hai que quedar hoxe apañar as patacas.” Pois ao mellor viña xente doutros sitios axudar, e había que quedar… Eu choraba seguido, quería ir á escuela. Así que non poñían faltas nin nada. E nós aínda aprendemos, que os que viñeron detrás, penso que non foron moito. Eu sabía facer a raíz cúbica, a cuadrada, as catro reglas…
  • Chegou algún compañeiro/a a acadar algún posto relevante?
  • Sí, Ramón Villares.
  • E como era de neno?
  • Era coma un home vello, non xogaba, estaba seguido atendendo aos deberes, coma é hoxe, vaia, así serio…

Isto é o que me contou miña mai. Sempre quedei coa pena de non saber máis do meu avó e non ter conversas profundas con el: falta de tempo, ignorancia xuvenil… Para min mesmo semella un segredo, descoñecer por que tiña tantos coñecementos e por que para os seus propios fillos se silenciou o seu pasado.