Prás Anpas

Mini

E volveu poñerse de moda. Estamos de moda, o rural e os rural-indíxenas. Os duros meses de confinamento e a necesidade de espazos abertos, de aire pra respirar, o imprescindible horizonte... a vida en liberdade... Si, todo iso púxonos de moda. O dos alimentos... non tanto. Que máis ten de onde veñan!

E dese xeito este verán en que as vacacións non recomendan a praia, polo da masificación e os contaxios, nunca a aldea tivo tantos visitantes. Descendentes con raíces ou turistas puros e duros.

Pois si. A paisaxe, os paseos entre natureza, os alimentos naturais, a familiaridade das xentes, eu que sei... O silencio.

Pois si o necesario silencio pra descansar da cidade. Pra nós, habitantes do rural o maldito silencio.

Porque a aldea é silencio cando non sae fume das chemineas das casas, cando a vella taberna está pechada, cando as silvas cegan os camiños, cando non se oe o rombar dos tractores nin as falas a gritas da xente no traballo... Cando chegado o tempo do outono non hai vida darredor das escolas. Ai, as tan desexadas escolas, motores de progreso social noutro tempo e hoxe espello do abandono.

E cerrando. Porque as autoridades (da lexislatura do rural, dicían eles) seguen a negar os dereitos dos nosos nenos e nenas da aldea a un ensino de primeira. E vannos acoutando, e vannos cercando, e vannos arrincando curso a curso os noso dereitos. Iso si, que non falte alegría: en nome do Rural. E éncheselle-la boca... non sei de que.

Porque a indolencia do goberno galego e a necesaria complicidade social fan que o noso mundo arda. De inverno e de verán. Arde de abandono.

Os que termamos con teimosía sabemos que sen indolencia o rural é futuro. Que o campo dá alimentos e de calidade, anotemos isto, de calidade. Que pode xerar pequenas industrias derivadas. Que é un marabilloso lugar pra vivir anque non se traballe no sector primario...

Si, pero con escolas próximas e dotadas, con centros de saúde de primeira, con cobertura en tics coma calquera outro territorio, e con políticas que dinamicen a agricultura tan ricaz e diversa, que dean futuro sostible á gandaría, que ordenen o territorio e fagan dos nosos montes unha fonte de biodiversidade e de recursos... Que dean esperanza ó territorio e ó País.

Son horas. E a Pandemia lembrounos o papel que debe cumprir un rural ó servizo da sociedade. Falounos da biodiversidade coma defensa diante da aparición de pandemias coma esta que padecemos. E nós ó revés, permitindo que convirtan a biodiversidade que aínda temos en monocultivos proveitosos pra catro aproveitados.

Pero andamos. E estamos en pé. Teimosamente ergueitos. Orgullosamente serenos. Convencidos de quen somos e do que queremos. E andaremos.

Porque non cederemos mentres non vexamos recoñecidos os nosos dereitos a un ensino público de calidade habitemos onde habitemos, a unha sanidade pública universal gratuíta e de calidade, a un regreso á dignidade vital da aldea e á súa utilidade. Porque somos xestores dun territorio común imprescindible para ter futuro coma sociedade. E sabémolo. E agardaremos esixindo o que nos corresponde.

E así será. A vosa loita non é inútil nin aillada. É a loita común pola vida que chama por máis vida. Temos razón e faremos porque nola dean

Amén

Mini, un pouco mestre rural, un chisco músico, un algo cantor e ultimamente político de afección.

Tipo: 
Colaboración