colaboracion 13 - ocupar o territorio_ 26.1._imaxe_-_ocupar_o_territorio_-_pilar_sampedro

Ocupar o territorio

Pilar Sampedro.

Ocupar o territorio.
Estenderse, como se fixo dende sempre.
Garantir que seguen vivos os topónimos,
eses, galegos, que supoñen 1/3 dos de todo o Estado Español
cando só ocupamos un 6% da súa superficie.

(Se os versos son poesía, as estatísticas tamén)
Non deixar as leiras a campo, nin a monte.
Ai! monte autóctono e patrimonial
David fronte a Goliat
en pé de loita co monocultivo foráneo.
Sustentabilidade, si. Resistir.
Natura viva
fermosura de paisaxe.
Adaptación aos ciclos vitais e da natureza,
ao decorrer das estacións e os días.
Tempo demorado.
Veciñais, as relacións.
Coñecemento do próximo.
Implicación
Compromiso
Toda a tribo educando a infancia
Traballo en mancomún
Intercambiar os dons.
Encontros nos camiños
Chamar a voces,
a berros dicir os nomes
Falar por falar
-Vas á herba?
-Vou, ben ves
Falar para coser a relación
os sons acompañando a mirada
Mirar uns/unhas polos outros/outras
(Será poesía a linguaxe inclusiva os/as? Todo o pode ser, ou nada o será)
e o ceo cubríndoos a todos
O firmamento na noite competindo cos puntos de luz
O partido do alcalde buscando votos
dándolle a ganar uns pesos ás compañías eléctricas
coa Santa Compaña desaparecida.
Se viramos o ceo na noite
saberiamos que somos minúsculas nanopartículas do universo  
Aldea
Lugar
Rural
Volver ao comezo
Á casa dos pais e das avoas
Coidándoos e coidándonos
Coidándose
As casas, as hortas, as leiras, os agros e as brañas, os lugares, a natureza e a xente.
O bosque
A identidade
o que somos
o que fomos
a lingua na que falamos nós e só nós
os soños que nos corresponden, os nosos soños.
Non se lle poden poñer
cancelas ao campo nin pechos ao vento.
Aldea. Lugar. Rural. Escola Unitaria. Centro Rural Agrupado.