Heroínas do Mandil

Diego Sal Julio, mestre de Educación Primaria

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma os cestos que levan nas súas testas cun equilibrio e tranquilidade propia dos figurantes do Circo do Sol.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma o orballo que  bica todas as mañanciñas os regos da horta.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma os pratos ateigados do día de festa, feitos seguindo as mellores pocións descritas polas alquimistas das cociñas de leña.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma as súas enrugadas mans que deixan ver que non existen xornadas laborais de corenta horas semanais.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma os ourizos dos soutos que atacan  coas súas afiadas púas aos que queren roubarllelas  súas fillas.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable como a moa que acaricia con suavidade as barbas do fouciño e así engalanalo para a romaría en honra da herba.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma o arado que se somerxe nas profundidades das terras e os penedos que emerxen nas leiras coma se fosen illas no medio do mar.

As avoas e o rural van ligados da man, unha unión inseparable coma a viaxe cunha vara, un can a súa beira e o lento camiñar polas autoestradas dos camiños que levan ata a fin da peaxe.

Este pequeno texto está inspirado na obra artística de YosebaMP (Murais de Superavoas por toda Galicia) e está adicado a todas as avoas que se erguen a diario sen agardar nada a cambio.