Encontro Na Aldea

Macamen e Xosé Luis Alonso. 

Non era domingo… pero era día de festa.

As nenas e os nenos levaban o traxe dos domingos, estreado o día de Ramos; ían ben peiteadiños e estaban moi ledos, sorrían con ese nerviosismo da primeira vez, despois dunha noite sen poder durmir.

Nais, pais, avós e avoas, tamén endomingados, apiñábanse á porta da Casa  Grande.

O reloxo da igrexa deu nove badaladas e, por fin, abriuse a porta.

Todos os ollos pousáronse sobre aquela muller miúda que sorría con agarimo.

Foi dando a benvida un a un a cada neno e nena, que ían entrando en silencio, observando con curiosidade o interior da Casa Grande

Pais, nais, avós e avoas quedaron fóra e deseguido formáronse círculos para comentar o aspecto da muller recentemente chegada.

Dentro cheiraba a libros novos, lapis, forros de plástico, xices, gomas…

O que ninguén sabía era que ela, vestida tamén de domingo, nerviosa e impaciente, tampouco foi quen de durmir.