COS PÉS NA TERRA

Helena Villar Janeiro

Vivín nos Ancares a infancia e a mocidade, e alí exercín os primeiros 15 anos da profesión docente. No rural ancarés botei as raíces e volvo alimentalas cando o preciso. Trasladeime a Compostela e retornei a un refuxio aldeán da Ría de Arousa.

Procurei subirme ás novas tecnoloxías sen ter que apartarme da natureza nin de min mesma. Desde este compromiso individual, quixera apelar ao compromiso colectivo de Galicia coa Galicia que conservou nos medios rural e mariñeiro os mellores valores.

En nome do cambio uniformador que chaman “progreso”, non se debe renunciar a ser quen se é. Sería nefasto deixarlles o país aos desleixados que só valoran o rendemento material e inmediato promovendo o abandono e destrucción dos variados ecosistemas. Non se poden destruír a terra e o mar, coa cultura a eles ligada, porque sería aniquilar a base que  sustentou os gozos e os padecementos dos devanceiros para acabar nun suicidio colectivo como pobo que se converte en cinsa errante. Nós tampouco poderemos ser outra cousa.

Cómpre que recupermos o gran patrimonio material e inmaterial que está en perigo. O monte, os camiños, os ríos, as augas e os areais. A arquitectura popular e os oficios ao borde da desaparición, adaptándoos a usos racionais para aproveitamento dos recursos. Coidar a lingua como vínculo da comunidade no tempo e no espazo. Manter as escolas como ensino de cualidade lévedo de fixación de habitantes. Promover servizos de comunicación, desde o desprazamento ás tecnoloxías que posibilitan intercambios de produción.

Non é moito pedir. Porque isto é o que facemos coa nosa vida: deixar correr o tempo cuidando o deterioro e mantendo a memoria do que somos.

En Abuín –Rianxo- correndo agosto de 2020

Tipo: 
Colaboración