Brillarei de Novo

Alexandre López

sei
que
sempre
hai

quen quere
verter
sobre min
paxaros disecados
enviar
corvos
a comer
nas miñas mans de cunca
as lágrimas cristalizadas
de derrotas

eles non saben
que nas noites
refúxiome nas cavernas
que me deito
nun leito de follas húmidas de medo
que me tapo cun manto cheo de feridas
que deixo meu corpo tremer co frío

eles non saben
que na miña maior debilidade
está a miña fortaleza

que
cada madrugada
saúdo ao sol
á chuvia
á xeada
á herba fresca

que dende alí
ceibo a miña bandada de utopías
cara a liña do horizonte

eles non saben

que
sempre
brillarei
de
novo.