Aprenderlle os olores a todas as colores,

Eli Ríos

Aprenderlle os olores a todas as colores,
na eira da escola, mentres os pintasilgos
rebuldeiros relamben o orballo lento.
As curuxas, raposas, toupas e limachas
foxen das páxinas dos libros e habitan
os risos de quen sabe o sentir do real.

Desde o tellado, a pega canta a sirena
e o conto, na voz da mestra, enxerga
a aventura dunha mañá que abrocha.